Suicidas [Francisco Cortegoso]

15,00

Esgotado

Descripción

 01-12-2017
 9788494570131
 Chan da Pólvora, número 3


A nai, o capitalismo, a violencia, a linguaxe, o suicidio, o amor… Estas son algunhas das sombras que transitan por Suicidas de Fran Cortegoso.
Con Suicidas, Francisco Cortegoso coloca os lectores fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega nas últimas décadas. Calquera que se achegue a este libro non quedará indemne, hipnotizado por un dos escasos exemplos de libro-concepto que se deron na literatura galega, un volume onde a linguaxe esculca a forma que a encaixe na idea que transmite eonde os contidos se constrúen coa pronuncia das palabras do seu discurso, radical e ao tempo harmónico.
Cortegoso escribiu Suicidas entre os vinte e os vintecinco anos, se ben só agora os compactou nun conxunto tan apaixonado como desconcertante. Os textos, xurdidos dunha lectura de distintos escritores suicidas, son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos. Para el, a verdadeira poesía é a que transmuta esa violencia,
un obxectivo que, en realidade, é a auténtica estrutura do seu libro. Através de sintaxes inflamadas e atmósferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser. Revólvese, cae, levanta de novo, morre, renace e loita nunha insólita tensión lingüística. “O verdadeiro problema da poesía”, asegura o poeta, “é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poda acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. A clave dese mecanismo perverso é que a linguaxe tamén totaliza o eu e iso é, precisamente, o que os meus versos combaten”.
Un dos rasgos comúns dos escritores suicidas é, a xuízo de Cortegoso, que o suicidio ven como consecuencia de que eles “non recoñecen esa tremenda forza da linguaxe que os obriga a retomar a memoria como todo absoluto. Tortúraos e, finalmente, lévaos á morte”. Refírese, en concreto, a escritrores “que xogan entre os campos do ser e do nihilismo”, mentres que Suicidas “pescuda unha vía á marxe da totalización, tanto a da nada como a do ser”. O seu, engade, é atopar “unha linguaxe alternativa”. Nese sentido, O libro “é o conscienciamento de facerme poeta” e de asumir personalmente ese estado. “Só despois de concibir estes textos”, engade, “me puiden permitir escribir poesía”.

Un poeta no límite da linguaxe

Francisco Cortegoso (Pontevedra 1985) deuse a coñecer no ano 2008 en Revista das Letras con Ningún home, agrupación de poemas nos que xa se asomaba Suicidas. A súa obra, que pode rastrexarse en volumes colectivos ou en revistas como Grial, esténdese através de varios títulos, entre eles Carta ao poeta español, un libro aínda inédito que xurdiu como diálogo persoal coa obra de Leopoldo María Panero, autor que ao seu ver, desde un punto de vista lírico, “leva o verso ata o límite de si mesmo”. No 2013, conseguiu o Premio Pérez Parallé con Memorial e danza, editado ese mesmo ano por Espiral Maior, uns poemas nos que se movía entre as escenografías da revelación, o campo nutricio da rosa e a disolución da paisaxe bravía. A través de versos inesquecibles, ofrecía o catálogo dos seus pensamentos, construíndo e deconstruíndo o que vía, o que sentía e a armazón da razón, nunha escrita de investigación formal que evidenciaba a voz dun poeta convencido de que a forma nos serve simultaneamente para allearnos de nós mesmos e para acceder á esencia do poema: a respiración. Porque a lingua, ven dicir Cortegoso nese libro, trascende o coñecemento gracias á respiración, nunha metáfora que o entronca coa filosofía oriental: “a luz que sen luz ve”.