Prefiro condenarme [Margarita Ledo]

17,00

Descripción

01-08-2024
978-84-2128741-8-1


Margarita Ledo tiña 19 anos [na imaxe, ela a esa idade] cando publicou en Xistral, a editorial de Manuel María e Saleta Goi, o libro Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, o seu primeiro poemario. Agora, 55 anos despois, volve os ollos cara ao pasado e atravesa en Prefiro Condenarme, publicado por Chan da Pólvora na súa colección Cova da lontra, a historia da súa poesía. Faino, ademais, cun libro de miradas múltiples para descubrirnos os ángulos menos visibles do poema.

O título, baixo o que se agrupan desde as súas primeiras composicións de xuventude ata os textos máis recentes e característicos do seu estilo, coincide co da súa máis recente película, onde desenvolve en clave documental a idea do amor como insubmisión. Aquí, porén, Prefiro condenarme vólvese memoria accidental dunha frase que lle escoitou á súa nai.

O volume inclúe un apéndice de contornas onde Eva Veiga se aproxima á poesía da autora e o artista Luís Moscardó se inspira na súa obra literaria para realizar a serie de debuxos Paisaxe interior.


Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) é unha das activistas máis carismáticas da política e a cultura galegas, términos ambos que ela entende como forzas converxentes. Estudou periodismo en Barcelona e exiliouse en Portugal durante os últimos anos da dictadura española. Impulsou e dirixiu o semanario A Nosa Terra e foi responsable da posta en marcha da Facultade de Ciencias da Comunicación na Universidade de Compostela. É membro da cooperativa Numax. Escribiu narracións, novelas ou publicou traballos de investigación e ensaios, boa parte deles articulados arredor da creación audiovisual. Nos últimos anos desenvolveu unha intensa traxectoria como directora de cine. O seu filme Nación (2020), premio á mellor dirección de película española no Festival de Cine Europeo de Sevilla, foi adquirido polo Museo Reina Sofia, xunto coa súa primeira película, Santa Liberdade (2004).Neste sentido, a escrita literaria e cinematográfica coinciden en establecer correspondencias entre o real documental e unha poética que poliniza a escrita,a secuencia ou a espera. Dirixiu tamén A cicatriz branca (2012), Liste, pronunciado Lister (2007)ou, máis recentemente, Prefiro condenarme.