Aquén do mar [Cantos de serea na luz da fin da terra]

17,00

Descripción

10-09-2023
978-84-126863-3-3


Aquén do mar, subtiulado Cantos de serea na luz da Fin da Terra, é o resultado de varios anos de traballos que Alexandre Nerium veu
desenvolvendo para recoller e, nalgúns casos, verter ao galego a extensa producción de poemas que teñen Fisterra como motivo.
Ademais de ser un punto estratéxico para a humanidade Fisterra é o son dun sentimento, o final do Camiño de Santiago, a cuncha de vieira; o orto e o solpor, naufraxio, precipicio, a Polar dun mar descoñecido, o rumbo verdadeiro, un símbolo de igualdade e de diversidade, a voz e o silencio, a mística sonoridade da buguina, da luz o escintileo. Aquén do mar é un percorrido polas voces que chegaron a ese límite e, ao tempo, unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a da muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo.
Os nomes de Fisterra, Finisterre, Finisterra, Land´s End aparecen no imaxinario poético mundial en obras como The Canterbury Tales de Geoffrey Chaucer, Tales of a Wayside Inn de Henry W. Longfellow, The Colossus and Other Poems de Syvia Plath, La bufera e altro de Eugenio Montale ou Geografías de Mario Benedetti. Pero, sobre todo, aparece na obra de poetas como Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Ursula Heinze, Ferrín, Manuel María, Arcadio López Casanova, Valente, Torneiro, Marilar, e moitas das grandes voces que esculcaron na vangarda.
Alexandre Nerium escolma esas voces desde o parámetro da escrita feminina para construír unha antoloxía única, homenaxe á muller pesca, aquela do traballo silenciado; e a da muller literatura; farol que dende sempre guía o mundo. “Eu”, asegura o antólogo e tamén poeta, “síntome endebedado co útero celeste da utopía; co mar que me enxendrou no ventre das golfeiras; co ronsel que desangra a soidade. O tempo non existe neste ocaso. Abóndanos miralo”.
En palabras do coordinador do volume, que inclúe contornas de Eva Veiga e Rosalía Fernández Rial, a experiencia foi “única e enriquecedora”, sobre todo por “contar coa colaboración dun ronsel de voces femininas tan importantes e imprescindíbeis para a literatura como as que aparecen aquí. Tamén hai que salientar o traballo de poetas, prologuistas, colaboradoras e colaboradores, tradutoras e tradutores e mais oito ilustradoras que participaron desinteresadamente no proxecto”.


Alexandre Nerium
Alexandre Nerium [Fisterra, 1960] é o pseudónimo literario de Francisco Manuel López Martínez, poeta e mariñeiro que na actualidade traballa como guía no Museo da pesca da súa localidade natal. Comezou a súa andaina poética no Batallón Literario da Costa da Morte, do que foi un dos seus máis activos mebros.
É autor do poemarios Vogar de couse (Espiral Maior, 2003), Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco, 2008) ou Detrás da néboa o felo (Amastra-N-Gallar, 2014), ademais de coordinar a antoloxía poética Ara do Mar. Poesía a Fisterra (Eneida, 2021).
Os seus textos foron incluúdos en diversas antoloxías.