De certo, a vida ía en serio [Xela Arias]

17,00

Descripción


A partir de entrevistas, conferencias, autopoéticas e poemas, “Chan da Pólvora” reconstrúe a personalidade e a obra de Xela Arias nunha antoloxía de textos intensos e demoledores.
María Xesús Nogueira a foi a encargada de realizar a selección e o estudo complementario sobre unha muller que
viviu de maneira intensa e, con frecuencia indómita, o seu tempo. Non  só recolle textos poéticos da autora
senón que recupera un prezado material: entrevistas, autopoéticas, reflexións ou conferencias que permite reconstruír a biografía e mais a personalidade da autora a partir das súas propias palabras, unha perspectiva ata agora inédita.
“Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta”, escribe Xela Arias neste libro de forza incontestable, titulado como un dos seus versos máis rotundos, De certo, a vida ía en serio. Non se trata
unicamente dunha escolma ou dunha biografía. Estamos ante unha mirada transversal que reconstrúe a complexidade da escritora a través das súas propias palabras, pero tamén unha esixente selección de
poemas, intensos e demoledores, visionarios e inquietantes.


Xela Arias (Sarria, 1962) viviu desde os nove anos en Vigo. A inicios da década dos oitenta comezou a publicar en suplementos de xornais, revistas e fanzines. A súa voz deixouse escoitar tamén en recitais, principalmente no “Festival da Poesía no Condado”, ao que acudiu de maneira habitual. A súa traxectoria profesional transitou desde o traballo en Edicións Xerais de Galicia á docencia no ensino secundario tras retomar os estudos que abandonara e licenciarse en Filoloxía Hispánica.
Na efervescencia cultural dos anos oitenta, atopou no deseño, na fotografía e na música unha posibilidade de diálogo interartístico, que desenvolveu ao longo dos anos en diferentes propostas. Os seus poemas quedaron reunidos en catro volumes: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). No ano 2018, María Xesús Nogueira preparou Poesía reunida (1982-2004) que inclúe numerosos textos soltos de Xela Arias, de publicacións periódicas e de libros colectivos. Morreu de maneira inesperada en novembro de 2003, cando estaba a traballar nas presentacións de Intempériome.


María Xesús Nogueira Pereira (Berres, A Estrada, 1968) é unha das máis recoñecidas investigadoras da poesía galega das últimas décadas, sobre todo no ámbito que indaga na relación dos procesos da escrita e do xénero. Profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela, autora de numerosos traballos sobre poesía contemporánea e sinatura frecuente en diferentes medios escritos (durante anos foi colaboradora tamén no desaparecido Diario Cultural da Radio Galega), María Xesús Nogueira foi unha das teóricas da denominada xeración dos 90. É editora da Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias, e foi presidenta da Asociación Galega da Crítica. Para Chan da Pólvora realizou a selección 13. Antoloxía da poesía galega próxima e Dous mil (dezaoito), unha antoloxía da poesía galega editada no ano 2018 que pode consultarse na sección Chanzo da web da editorial,
www.chandapolvora.gal.