Feros Corvos [Antoloxía do Batallón literario da Costa da Morte]

17,00

Descripción

20-12-2021
978-84-123183-8-8
Cova da Lontra, número 5


O Batallón Literario da Costa da Morte converteuse en poco máis de dous anos de actividade nun dos colectivos referenciais da acción poética en Galicia. Esa vertixe histórica e a enerxía despregada en tan pouco tampo é un indicativo do lévedo que axitaba o país nas turbulencias da fin de século. Pero tamén o sinal dunha mocidade que esixía un espazo propio nas dinámicas do relevo xeracional. O colectivo fundouse o 1 de maio de 1996 como confluencia dunha serie de grupos e asociacións que intentaban enfrontarse as condicións adversas da cultura e que arelaban, sobre todo, publicar. A crítica literaria Teresa Seara acompañounos en parte do seu camiño e agora reconstrúe para Chan da Pólvora Editora aquela travesía nun libro que escolma os poemas do Batallón e fai memoria dun período carregado de vivacidade. Nos anos noventa do século pasado a poesía transformouse no grande milagre da xuventude e na Costa da Morte apareceu, de súpeto, unha rapazada que levaba a poesía ás rúas en ronsel de recitais, intervencións ou iniciativas editoras como Letras de Cal ou Edicións do Dragón, dous dos máis visibles efectos daquela eclosión. María Lado, Estevo Creus, Rafa Vilar, Xandra Tedín, Mónica Góñez, Miro Villar, Paco Souto, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Tomás Lijó, María Xosé Canitrot, Pilar Beiro, Abel Mendes, Serxio Iglesias, Marilar Aleixandre, Suso Bahamonde, María Canosa ou Xaime Trillo son poetas que deixaron a súa pegada no colectivo e no seu órgano de expresión, a folla voandeira Feros Corvos, do que toma nome esta antoloxía, publicada 25 anos despois dun intre no que todo parecía empezar…


Teresa Seara [Toén, 1968] é desde hai anos unha das figuras máis representativas da crítica e dos estudos literarios galegos. Doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesora en ensino medio, Seara colabora cos medios de maior difusion do país e de fóra, entre eles o Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, Tempos Novos, Grial, Ínsula ou Serta. Traduciu obras de Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán Vello. Publicou Para saír do século (con Luciano Rodríguez, 1997), Astro interior (2007), Veinte puntos de fuga (Venezuela, 2011), Antología poética (con Manuele Massini, Pisa, 2008), Memoria de abril (Nova York, 2020).