Anomalía II Carlos Lema

8,00

Descripción

 01-08-2017
 9788494570193

Anomalía é un conxunto de catro composicións que lle dan un xiro sorprendente á obra poética de Carlos Lema, antes concibida a partir da melodía do pensamento e marcada agora por unha sintaxe con articulación máis emocional. O ritmo, punteado por silencios que amplifican a súa función significativa, pretende segundo o autor “acentuar a asociación simbólico-semántica da lectura”.
Arredor do tema do verán, Lema vai á procura do materialismo do tempo: todo o que se perde, permanece, o esquecido volve coma epifanías da inmanencia, os obxectos —as persoas, os sentimentos, as relacións e as cousas— deixan de depender dunha entidade que as pensa, a súa  representación prescinde da obriga de acceder a esencia ningunha. Todo, asegura o poeta e filósofo, “é continxente e, nesa liberdade á que nada obriga, elévase a igualdade ontolóxica do que existe, do que ten senso”.
Os poemas achéganse á música tanto no título coma no uso dos tempi e do ritmo, con prolongacións non literais suxeridas por unha utilización dos signos gráficos concibida especialmente para estas composicións. De aí esa sensación de frases escintilantes que Anomalía achega, onde se raiolan ecos cálidos e acollen a lectura nas súas pausas, suspensións e prolongacións de senso, logradas mediante a metonimia. As referencias sensitivas, múltiples e significativamente activas, traen a estas composicións as cores, os sons e as sensacións táctiles da vida corrente.
“O poema”, subliña Carlos Lema, “non é un medio, é un obxecto inútil e, como tal, carente de uso, inzado de caducidade. Na sombra está a grandeza da luz. Unha anomalía, coma a plenitude do verán”.


Carlos Lema

Carlos Lema (San Sadurniño, 1958) fixo o camiño no sentido inverso ao habitual e debutou aos cincuenta anos na poesía con “O xeito de Freud“, libro inzado da melodía do pensamento que lle valeu o Premio Xohán Carballeira (Bueu 2007). Editor de Galaxia, impulsor da nova narrativa dos noventa, responsable da asombrosa plataforma de reflexión Euseino? e filósofo introdutor do realismo especulativo en Galicia, Carlos Lema é un activista que se interroga e disente. Neste sentido, “Anomalía” confirma a singularidade da súa traxectoria.