O lugariño [Iago González]

16,00

Categoría:

Descripción

20-09-2022
978-84-124731-6-2

O lugariño é un libro sobre un lugar [O Arnuíde natal de Iago González] pero tamén sobre o rural galego, co esplendor da voz dun poeta que o canta cunha voz fresca, como auga que acaban de sacar dunha mina. Porén, o que máis brilla neste libro longo e denso, complexo na súa vontade totalizadora, é a xente, as persoas, que o poeta vai enumerando como un notario que levanta acta dunha extinción.

O propio Iago González considera que a esencia do libro podería resurmirse nestas palabras: “Non algo en concreto impulsa en certa eclipse da velocidade da mente a solapar as miradas discordantes e arrítmicas dos seres pouco comúns dunha comunidade, a refractarse no silencio. Non algo en concreto. Nin todo. A suor impermeable da man escorrendo do prominente material que ateiga e colapsa as extremidades no presente construíndo, refacendo, sostendo, investigando… non. Tampouco as feraces ramas que abrollan da criatura vexetal máis nimia e enigmática endexamais intuída, que preside radiante algún poema ditado destes marcos… Que son apelidos e nomes nun recuncho dun lugar?”.


Iago González (Arnuíde, Vilar de Barrio, 1999) séntese entroncado «coa sabedoría dos maiores e coa insondable beleza dos lameiros e da serra, na xenealoxía das mazaíñas pequenas e irregulares que non teñen nada que temer nin que tremer». en ourense, baixo o maxisterio de olga novo, rodou «carreiro arriba sen despegar a carabuña do fogar e aprendendo das infinidades e infinitudes do coñecemento profundo, admirando entre lúcidos compañeiros e profesores sensibles, humildes e soberanos mestres». Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, Iago González subliña que se sente herdeiro da cultura popular, enxertado “na tradición serodia, na píbeda rural, na canción dos falares, na redención dos dicires, na curación dos poemas e na relixión dos amores. sucando na aventura dos mundos o xerme vivo da natureza prístina. recibindo a cor sen dor.