Seica si [Emilio Arauxo]

16,00

Esgotado

Categoría:

Descripción

EDITORIAL: Chan da Pólvora Editora e amastra-n-gallar
DATA DE EDICIÓN: 12-11-2017
EAN: 9788494570186
IDIOMA: galego
COLECCIÓN: N, número 1
MATERIA: narrativa

En Seica si, Emilio Araúxo ofrece unha impactante achega sobre a desaparición da civilización tradicional galega.
Ao fío dunha traxectoria que inclúe títulos como “Cinsa do vento: Libro da Riberia Sacra”, o poeta depura en “Seica si” as súas raíces literarias e logra darlle estirpe comunal ás voces dunha paisaxe humana no mesmo bordo da súa extinición. Por momentos, incluso semella que os seus versos son o eco de instantes que xa non existen pero que el conserva intactos e vívidos polo efecto extraordinario da poesía. Os recursos cos que o logra resultan tan sinxelos como difíciles de manexar, en especial o humor e a ironía, que recolle directamente das fontes populares para tracexar secuencias de estraña e paradóxica beleza. Nunca como neste libro, emocionante e turbador, Araúxo se expresa con tanta forza, vehiculada a través desa vella omnipresente nos seus poemas, figura vectora da voz continuante de mundo. Esta vella omnipresente é unha amiga do poeta, unha labrega da Terra de Caldelas chamada Isolina Pumar, nacida en 1917. “Ter para poder dar”, subliña Araúxo, “era o seu deus. Que xa é dicir de abondo”.


Emilio Araúxo [Coles, 1946] irrompeu na acción cultural pública a mediados dos anos noventa con Noitarenga, unha empresa editorial que se centrou en verter ao galego a obra de pensadores contemporáneos, nomeadamente Alain Badiou, o seu mestre por excelencia. Nela apareceron, ademais de poemarios de distintos autores e autoras, Dos soños teimosos, esa longa entrevista con Uxío Novoneyra que se convertería no testamento do poeta courelao. A finais dos noventa, abandona Noitarenga e inicia Amastrangallar, unha editora non venal onde desenvolverá a cerna da súa exploración creativa: “sentir, con palabras desenterradas, que son un mediador entre os mortos e os que acaban de nacer. Os días son unha cinta que corre: esa é a auga da que bebo. Lentamente, o lume faise desaparición”, asegura o poeta. A súa obra resulta difícil de clasificar. Os lindes da poesía, da fotografía e da filosofía [a dimensión formal da que parte] conflúen nun ámbito conceptualmente difuso pero fisicamente nidio: o espazo. Palabra, imaxe e obxecto dialogan entre si nun laborioso discurso de liñas-verso: recolle a voz do outro, fragméntaa e móntaa de novo. É o que el denomina “efecto do poema”. O ser humano [cita a Badiou] “é un infinito de posibilidades e a ti correspóndeche darlle sentido”. Entre as súas obras, figuran os poemarios Pois (1998), ou As chairas da letra (1998) .