Descripción
A Antropoloxía da auga é ao tempo poema, ensaio e diario de viaxe, un texto desbordante que adopta a forma do pensamento que poda contelo. Valéndose de palabras en constante movemento, Anne Carson intenta reter as probas dun mundo coñecido que sabe xa fóra do seu alcance. Así, peregrina a paisaxe galega e a americana, os recunchos da familia e do espírito, a incomodidade do desexo ou a ansia de penitencia. E na caixa negra dese transitar queda rexistrado un mapa das súas relacións co xénero masculino, que se revela con máis elipses que liñas ou palabras que preferirían ser simplemente o impulso nervioso que convocan. É posible a iluminación mística sen que o fulgor da busca te acabe cegando? Pode
un mal nadador moverse con fluidez nas augas da linguaxe? Cal é a densidade do incomunicable? Este libro fai preguntas coma quen trasfega un mar enteiro na cunca das mans e só se pode asistir con abraio á sede insaciable que se manifesta na escrita de Carson, unha figura capital das letras contemporáneas.
Anne Carson
A Anne Carson gústalle que nas notas biográficas dos seus libros aparezan unicamente dous datos: que naceu no Canadá e que gaña a vida ensinando grego antigo. A súa traxectoria, porén, agacha fitos importantes. En 1992, aos 42 anos, publicou o seu primeiro poemario Short Talks. ao que lle seguiron dous títulos nos que, segundo a crítica, “desdebuxa a distancia entre narración, poesía e ensaio”.
Un deles era, precisamente, Plainwater título orixinal de A antropoloxía da auga. No ano 2001 publicou A beleza del marido, talvez o seu libro máis coñecido, que lle valeu o Premio T. S. Eliot de poesía, concedido por primeira vez a unha muller. En 2020 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. O xurado destacou “a súa capacidade para construír unha poética anovadora a partir do estudo do mundo grecolatino” e que acadou “unas cotas de intensidade e solvencia intelectual que a sitúan entre os escritores máis destacados do presente”.
Jesús Castro Yáñez
Jesús Castro Yáñez (A Patoriza, 1992) está considerado un dos poetas máis persoais da nova poesía galega, á que lle achegou dous libros, Os nomes e os himnos (publicado en 2016, Premio Pérez Parallé) e Ultramarino, que inaugurou para Chan da Pólvora a colección Areal de Melide. Nesta mesma editorial publicou a tradución de varios poemas de Sor Juana Inés de la Cruz para a colección Rabo de Egua. Tamén publicou a antoloxía de poesia LGTB+ Campo de plumas (2021)