As mulleres e os días [Gabriel Ferrater]

22,00

Categoría:

Descripción

10-03-2022
 978-84-123183-2-6


Gabriel Ferrater tiña corenta e cinco anos cando reuníu os seus poemas en As mulleres e os días, un título onde lle facía unha chiscadela irónica a Traballos e días de Hesiodo. Cinco anos despois, suicidouse, cando estaba a punto de cumprir os cincuenta, tal e como lles anunciara aos seus amigos. Os cincuenta anos parecíanlle o límite ético da vida para calquera individuo. Este libro, dalgún xeito, representa a crónica do seu percorrido vital e o seu testamento. “O meu único tema é o paso difícil do tempo e as mulleres que pasaron por min”, asegurou nunha entrevista. Esta vocación paixonal converteu As mulleres e os días nun dos libros de maior éxito da poesía contemporánea en catalán. Agora, o libro chega por primeira vez ao galego nunha tradución de Manuel Outeiriño cando se cumpren cen anos do necemento de Ferrater, o poeta que cambiou o panorama da poesía catalá do século vinte.


Gabriel Ferrater [Reus, 1922 – Barcelona, 1972] é un poeta fundamental da poesía contemporánea en catalán. O seu impulso inicial foron as matemáticas, pero pronto se inclinou cara á edición, tanto como lector da editorial Rowohlt de Hamburgo como na dirección editorial de Seix Barral, para a que tamén traduciu a destacados autores como Peter Weiss, Gombrich ou Hemingway. En 1968 reuniu a súa obra literaria nun único libro, Les dones i els dies. Nel recolleu os títulos que fora editando desde 1960, Da nuves, pueris, Menja’t una cama (1962) e Teoria dels cossos (1968). Foi profesor da Universidade Autónoma de Barcelona de Lingüística e Crítica Literaria.


Manuel Outeiriño [Ourense, 1962] é un dos poetas con maior poder irónico e enxeño dos que comezaron a publicar nos anos noventa. Autor de títulos xa referencias como Depósito de espantos (1994) ou É (2005), Outeiriño traduciu ao galego a obra de Seamus Heaney, Henry James, Blai Bonet, Joan Brossa, Laurence Sterne ou Marshall McLuhan, ademais de ser o artífice da tradución ao castelán de Con pólvora e magnolias ou Poesía fundamental:1976-2005 de Xosé Luís Méndez Ferrín. Forma parte do consello de redacción da revista A Trabe de ouro e é profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.