Descripción
Actas da sospeita, o libro que lle valeu a Xurxo Alonso o Premio Rosalía de Castro, forma parte dunha triloxía que desenvolve as escenas da represión franquista, non só durante a guerra civil senon tamén na posquerra. Tras a primeira entrega da serie, Cartas de Conxo, estas Actas da Sospeita supoñen unha poderosa aposta do xénero espistolar na forma poética. Dalgún xeito, o libro serve ao mesmo tempo de ponte con outras obras previas, como o seu alegato contra a guerra de Iraq en Cidades de Area ou As vaidosas agonías, un conxunto de textos onde percorría as experiencias da pandemia. Todas estas obras confúen na vontade de Xurxo Alonso por explorar a poétia da miseria moral que provoca o medo e a desesperanza, a violencia e a dor.
Xurxo Alonso [Buenos Aires, 1956] é licenciado en Bioloxía, pintor e poeta. É autor de once poemarios polos que recibiu numerosos galardóns, entre eles o Johán Carballeira e o do Concello de Vilalba. Como pintor realizou máis de setenta exposicións individuais e obtivo premios como o da Bienal Cidade de Pamplona, o da Bienal de Pontevedra e a Bienal Eixo Atlántico.