Sexades mar [Manuel Álvarez]

25,00

Categoría:

Descripción

05-05-2022
 978-84-124731-1-7


Manuel Álvarez é un dos fotógrafos máis inquietantes do panorama actual galego. Dotado dunha gran capacidade para afondar na psicoloxía épica das persoas que retrata, Manuel Álvarez realiza en Sexades mar un dos seus traballos máis persoais, despois de publicar no ano 2002 Gameleiros. Agora, achégase de novo á xente do mar e faino da man da poeta Helga Cabiddu, con Miro Villar como encargado de realizar a
introdución do volume.
O libro botou a andar en abril 2021 coa colleita das imaxes. Manuel Álvarez tiña moi presente na memoria, xa entón, a persistencia actualizada do espírito de Gameleiros. As imaxes de Gameleiros correspondían a unha visión austera dunha estirpe de mariñeiros que laboraban ao día na pesca de baixura con artes tradicionais diversas, multiformes, utilizadas dende un tempo remoto. En Sexades Mar, como se rexistrase a revelación dunha viaxe no tempo e no espazo, a xeración de Gameleiros evoluciona e convértese nunha nova liñaxe de traballadoras e de traballadores do mar.
Ver emerxer directamente das augas cara ao peirao un argonauta ou unha atalanta, enfundados no seu traxe de neopreno, ten para o fotógrafo “algo de irreal fascinante, nun mundo que usa a tecnoloxía aplicada para recolectar os recursos dos fondos mariños das nosas costas. Semellan seres que xurden directamente das páxinas anticipatorias de Jules Verne en Vinte mil leguas baixo dos mares”.
“A pesca ou recolección do ourizo de mar”, engade, “pode considerarse como un novo sinal da involución descendente e significativa das capturas de especies tradicionais, que obliga a diversificar o traballo noutras labores no mar. As vendas do ourizo de mar acapararon en 2021 case o 36% do total das vendas na lonxa da Guarda”. Cohabitan, deste xeito, vellas e novas artes de marisqueo e pesca en novas xeracións utilizando modernos medios habilitados para recolectar esas riquezas naturais do mar.
Un cambio ou evolución moi significativo, que se apreza tamén no volume, é a presenza da muller laborando no mar en condición de igualdade cos homes, no traballo complementario de preparación e reparación de redes e artes da pesca, na escolla das capturas e outras variadas labores, incluíndo tamén a xestión adicional das ocupacións do fogar.
O proceso do retrato fotográfico, en palabras de MAnuel Álvarez, “atrae e impón coa súa sumisión. O suxeito está frente a un ollo de vidro e non caben falsas estéticas porque sairían fóra do cadro de enfoque. Case alongando o brazo pode rozarse o seu corpo. No fondo pode que o fotógrafo co seu proceder pratique tan só unha forma de intercambio indirecto de fíos invisíbeis, coa abnegación necesaria para solicitar a compostura mesurada dun intercambio inenarrábel, dun intenso episodio inesquencíbel, dunha recordación que persistirá resistente”.
A poesía é un fío conductor do libro e o traballo de Cabiddu, neste sentido, permite entender que os retratos na súa contorna son un reflexo noso: que eles e elas son os nosos mesmos retratos. Actuaron con completa liberdade ante o feito fotográfico, que tamén se manifesta nos versos libres dos seus poemas. O obxectivo era, ante todo, reflectir a vida e honrar o traballo cotiá das nosas traballadoras e traballadores do mar.


Manuel Álvarez ( A Guarda, 1954 ) expuxo as súas fotografías principalmente en Galicia e en Suíza, país onde traballou como funcionario internacional do ACNUR, axencia da ONU para os refuxiados con sede en Xenebra. Sexades mar súmase a unha serie de traballos que veu publicando en forma de libro nos últimos anos, con titulos como O bico, Homaxe a José Ángel Valente, Gameleiros ou Sementeira Porträts, entre outros.


Helga Cabbidu (Năvodari, Județ de Constanța, României, 1961) atopa unha referencia para o libro de Manuel Álvarez no espíritu dos textos de Jasón e os argonautas ou A conquista do vélaro de ouro, de Apolonio de Rodas. Leva directamente a nosa mirada dende a mitoloxía da Grecia Antiga ata a evocación das orixes da nosa cultura, das nosas mitoloxías, dos nosos sentimentos ante a sobriedade da presenza humana.