Seis poemas galegos [Federico García Lorca]

17,00

Esgotado

Descripción

 03-07-2018
 9788494856501
 Rabo de Egua, número 3


¿É posible neste momento descubrir versos de Lorca que non foran publicados? A resposta é sorprendente: si, é posible. En 1935, os Seis poemas galegos de Federico García Lorca apareceron na editorial Nós, unha institución lendaria da historia da edición en Galicia. O escritor Eduardo Blanco Amor, amigo do poeta, foi o encargado da publicación, unha obra que dende o principio non estaba exenta de polémica xa que non simplemente reproducía os textos como chegaban ás súas mans senón que fixo as súas contribucións particulares. Non obstante, Blanco Amor conservou eses orixinais, autógrafos de Lorca e apógrafos de Ernesto Guerra da Cal que Chan da Pólvora Editora recupera agora para ofrecer aos lectores e lectoras a oportunidade de ler o único libro galego do poeta andaluz tel e como o concibiu.

A edición, ideada por Chan da Pólvora Editora, parte dos autógrafos e apógrafos conservados por Eduardo Blanco Amor, que obtivo a través de Guerra da Cal. Se nos guiamos pola introdución que o mesmo Blanco Amor incluíu na edición de 1935, Lorca encargoulle que fose il o que ordenara, editara e prologara os textos. A historia, con todo, non parece tan sinxela e hai moitas versións que circulan absolutamente opostas. Algúns sinalan que Blanco Amor entusiasmouse con Lorca e insistiu en publicar os poemas. Outros din que o encargado de custodiar os textos foi Guerra da Cal, con quen Lorca, ao parecer, mantivo relacións sentimentais. Dun xeito ou doutro, Blanco Amor modificou os textos e eliminou neles as mencións a Guerra da Cal. Ao mesmo tempo, consciente do seu valor documental, conservou os orixinais.

Na nosa publicación, estes orixinais aparecen en edición facsimilar e tamén transcritos, para facilitar a súa lectura. Inclúe a reprodución facsimil do libro de 1935 e a proposta de lectura e actualización do texto realizado polo académico da RAG Manuel González González e o investigador Luís Cochón Touriño, publicado en 2018. O conxunto representa unha contribución definitiva á fixación do libro.