Figuras masculinas de meio-corpo [Antom Fortes]

16,00

Descripción

 14-07-2020
 978-84-121018-7-4


Figuras masculinas de meio-corpo xurde, segundo indica o propio Antón Fortes, porque precisaba rescatar a súa vida afectiva, “que se estaba diluíndo”. Pero tamén porque quería plasmar a súa chegada a Compostela, onde traballou de profesor no curso 1984-85. Foi, subliña, unha experiencia que tivo “as súas luces e as súas sombras”, algo que dalgunha maneira se reflicte no poemario.
Sobre o feito de que tardase dez anos en publicalo, Fortes asegura non era doado publicar na norma reintegracionista, norma na que o libro está escrito. “Ademais”, engade, “estaba alonxado dos círculos poéticos. Marisa Núñez e Xosé María Álvarez Cáccamo foron a ponte sen a que non sairía publicado”. O seu seguinte título é Sexto fetiche, do 2001, nunha edición de autor, onde recupera as atmosferas de Figuras masculinas pero desde novas perspectivas formais. Entre as influencias que salienta o autor, figuran Luis Cernuda, Kavafis, os portugueses Eugénio de Andrade e António Botto, Gil-Albert e Gil de Biedma, Villena ou Rimbaud.
Respecto da súa longa traxectoria na política, Fortes considera que foi ese compromiso de intervención pública o que o afastou da escrita. De feito, subliña, “os anos de máis produción coincidiron cos que non era concelleiro”.

Tras permanecer máis dunha década inédito, en 1997 publícase Figuras masculinas de meio-corpo, de Antom Fortes, un libro que abre unha singular vía expresiva na poesía galega dos anos noventa. A proposta de Antom Fortes, de poderosa imaxinería e engaiolantes atmosferas, entroncou entón coa estética e a cultura dos movementos gai que operaban en Galicia e que en 2001 lle conceden o Premio Legais pola súa contribución á visibilidade das persoas homosexuais.
A achega de Chan da Pólvora Editora inclúe a engádega dunhas contornas onde Xosé María Álvarez Cáccamo e Luís López Alonso esculcan as características da obra pero tamén as do seu autor. A traxectoria literaria e política de Fortes Torres (Sarria, 1957) discurren en paralelo pola senda do nacionalismo. Cando publica Figuras masculinas de meio-corpo era concelleiro na súa vila de orixe, activismo local ao que seguíu fiel ata 2019, momento no que abandona a primeira liña da política tras ser candidato á alcaldía baixo as siglas de Compromiso por Galicia.


Antom Fortes

Profesor de instituto e impulsor do colectivo Círculos Líticos –xunto a Lois Diéguez, Isidro Novo ou Marica Campo–, publicou títulos encadrados nos máis variados xéneros, con especial repercusión no ámbito infantil e xuvenil. Entre os seus libros, figuran o poemario Sexto fetiche –en continuidade con Figuras–, a narración xuvenil Fume –Premio no White Ravens do 2009 da Universidade de Munich– ou traducións de autores como Pep Bruno, Pablo Albo ou Svjetlan Junakovic. Entre outros galardóns, recibiu no ano 2017 o V Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro polo conxunto de poemas Ofelia sen dó.