Querido Eduardo [Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor]

14,00

Descripción


Querido Eduardo é o título baixo o que se presenta, abrindo a colección Rabo de Egua, a recompilación das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor entre 1931 e 1946. Trátase dunha correspondencia extraordinaria entre dous homes extraordinarios. As cartas [25, a maioría en castelán] percorren en primeira persoa os grandes escenarios da historia política galega do século XX: a República, o Estatuto de Autonomía, a Guerra Civil e o exilio. O seu autor, Ramón Suárez Picallo [Veloi 1894-Buenos Aires 1964], foi o deputado máis popular do galeguismo [nas eleccións de 1936 conseguiu 170.000 votos, máis que Castelao) e o seu destinatario, Eduardo Blanco Amor [Ourense 1897-Vigo 1979], escribiu a que a crítica considera a mellor novela da Literatura galega: A esmorga. Os dous eran galeguistas, emigrantes en Buenos Aires, activistas de esquerdas, homosexuais e periodistas. Formaban unha combinación explosiva e frutífera que na Arxentiva minaba as ideas da colectividade galega e en Galicia levantaba ronchas. Crían que a fin do capitalismo era irreversible. Castelao, Virxinia Pereira, Negrín, Novoa Santos, Trujillo ou Alonso Ríos son só algúns dos personaxes que os acompañan neste relato profundo e emocional, libre e tráxico, íntimo e descarnadamente sincero.

O volume, conta con notas e introdución de Antón Lopo, que xa editara boa parte destas cartas en 1993, dentro do suplemento Revista das Letras. Nesa introdución, Lopo escribe: “Era inevitable que coincidisen en La Armonía, refuxio de escritores, artistas e políticos onde se servía caldo galego polas noites en pleno centro de Bos Aires. Tiñan idades parecidas, exercían de emigrantes concienciados, fervían en inquedanzas intelectuais e aspiraban a ser periodistas. En La Armonía, resultaban fácil facer contactos profesionais, xa que o frecuentaban os redactores de La Nación e de La Prensa ao pechar as súas respectivas edicións. De feito, en La Armonía, Ramón Suárez Picallo encontrou traballo en Correo de Galicia (o máis importante xornal galego de América) e Eduardo Blanco Amor abriuse camiño en La Nación, o periódico que o lanzaría á fama. Aquela noite (exactamente no outono austral de 1919), Ramón sentou na tertulia que se formaba na terraza, nutrida de notables na arte e en todas as especulacións da intelixencia, tanto arxentina como galega. A Eduardo, que estaba tamén alí cun traxe de raias beixe e pano marrón, intrigouno o seu aspecto de mariñeiro, baixo e ancho de corpo, desleixado na roupa, pelo undercut e mirada insubmisa. Preguntoulle a un amigo que tiña ao lado se o coñecía e o amigo asentiu, “Es gallego como vós”. Eduardo estrañouse, “¿Gallego?¿El rubio?”. “Sí, el rubio. Se llama Ramón Suárez Picallo”.