Tan puro [Sor Juana Inés de la Cruz]

6,00

Descripción

25-06-2021
978-84-123183-1-9


Tan puro, cinco poemas de Sor Juana Inés de la Cruz que Jesús Castro Yáñez puxo en galego nunha tradución engaiolante, onde a rima híbrida da autora, mestura de elementos barrocos e conceptuais, aparece reflectida nunha delicada sonoridade.

O volume non é só un excepcional exercicio de tradución senón tamén unha oportunidade de achegarse á unha das maiores figuras da lírica barroca e da poesía hispanoamericana en xeral.


Sor Juana Inés de la Cruz, (nacida en San Miguel Nepantla -vicerreinado de Nova España, hoxe México-) filla ilexítima dun capitán español e unha nai criolla, foi muller de inmenso e precoz talento para a lectura e a escritura, coñecementos aos que con fervor quixo consagrar a súa vida. Relixiosa máis por vocación intelectual que por convicción monástica, foi na orde xerónima onde atopou un lugar e un pretexto para dedicar a súa vida á erudición co apoio da condesa de Paredes e vicerraíña de México, María Luisa Manrique de Lara y Gonzaga (referida nos poemas baixo apelativos afectuosos como Lisi ou Filis), que sería a súa protectora, interlocutora e suxeito central de boa parte da súa obra escrita. Os poemas e retratos que lle dedica á vicerraíña poden ser comprendidos como panexíricos cortesáns ou claras expresións dunha relación lésbica, e posiblemente as dúas cousas sexan certas e ningunha diga toda a verdade. O que si é evidente nos poemas é a forza dun eu lírico feminino e virtuoso que crea o suxeito amado á medida da súa voz, que enuncia unha sede para non saciala e así coñecer máis a fondo —nunha espera desexada inesgotable— a anegada razón do seu ser.