Un poema de Serafín Ferro

3,00

Descripción

05-07-2019
 9788494993138
galego

A plaqueta, cunha pequena reseña biográfica do escritor homenaxeado, reproduce o poema Noite, que apareceu na revista Nós en 1935. No poema, resultan evidentes as pegadas que deixou Federico García Lorca na Literatura galega cos seus Seis poemas galegos, composición na que Ferro tivo, seguindo as teses de Xesús Alonso Montero e Luís Cochón, unha participación activa, sobre todo como fonte léxica. A publicación de Chan da Pólvora complétase co retrato que lle fixo Ramón Gaya e a singular icona que se presentou na portada de Donde habite el olvido de Luís Cernuda. Trátase dunha serpe formando unha “S” que o poeta ceutí Antonio Rivero Taravillo (clave en varias descubertas sobre a vida de Ferro) vincula ao nome do que fora o gran amor de Cernuda e inspiración de dous dos máis célebres poemarios do século XX na literatura española, Los placeres prohibidos (1931) e o xa mentado Donde habite el olvido, de 1933.


O home escorregadizo

Resulta difícil seguir as pegadas ou apreixar cunha soa man a Serafín Ferro. Os apuntes biográficos son numerosos pero canda eles, están tamén os datos recreados pola fantasía popular, na que o autor ocupou un lugar preferente. Ao parecer, naceu nunha familia numerosas, ideoloxicamente anarquista. El mesmo apretou os ideais anarquistas durante a súa estadía en Madrid, cidade á que se trasladou a primeiros da República para buscarse a vida (segundo a lenda chegou a pé). Nese tránsito, cruzouse con Lorca, que o puxo en contacto con Aleixandre e Cernuda, ao tempo que lle procuraba traballo na imprenta de Altolaguirre. En pouco tempo, Ferro converteuse nunha figura con certa proxección pública, amparado polo seu carisma e polos seus camaradas galegos, Blanco Amor, Guerra da Cal ou Suárez Picallo, cos que dalgún xeito mantivo unha relación afectiva próxima, en especial con Blanco Amor e Guerra da Cal.
Pero a persoa onde Ferro deixou unha pegada indeleble foi Cernuda, que durante varios anos estaría ferido polo recordo da paixón que compartiran. Dese xeito, os dous libros máis populares do poeta andaluz, Los placeres prohibidos e Donde habite el olvido, serían resultado da súa experiencia sentimental con Ferro. A pulsión entre ambos continuou mesmo despois de interromperse a súa relación, segundo subliñan os biógrafos de Cernuda. Ferro, pola súa banda, seguiu o seu camiño. Relacionábase tanto con homes como con mulleres, desenvolveu os traballos máis diversos, combateu na gerra civil, colaborou coas revistas Hora de España ou con Nova Galiza, e participou no célebre filme Sierra de Teruel, realizado polo escritor André Malraux como homenaxe aos demócratas da República. Ao ocupar os nazis Francia, destruíron todas as copias da película pero, milagrosamente, unha das bobinas sobreviviu nunha lata cun título falso. En España non se puido ver ata 1977.
Tras concluír a guerra civil, Ferro exiliouse en México, onde morreu esquecido e pobre, casado cunha muller coa que non conxeniaba (el tiña fama de carácter imprevisible). Guerra da Cal escribiu o seu epitafio: “Naceu para escuro malabarista da vida e desempeñou con valor e ironía o papel desa aventura acrobática”.