Tinta de luz [Berta e Pepe Cáccamo]

16,00

Esgotado

Categoría:

Descripción

 01-12-2017
 9788494769818
 Udra, número 1


Berta Cáccamo e Pepe Cáccamo, unha pintora e un poeta que colaboran de novo para ofrecernos unha das xoias editoriais do ano. Cun coidado deseño no que participaron tanto os autores como o equipo técnico da editora, Tinta de luz é unha fantástica viaxe por puntos, liñas, triángulos, cadrados e círculos de cores branquilongas e griscontentas, rosanchas e verdifracas. O libro está especialmente indicado para estimular o sentido lúdico dos xogos de palabras, introducir as nenas e os nenos na xeometría, ao tempo que lles propoñen un exercicio da fantasía mediante a liberdade da cor.


Pepe Cáccamo (Vigo, 1950) e Berta Cáccamo (Vigo, 1963) son irmáns: el é o morgado e ela a pechacancelas da familia creada por María Luísa Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez, escritor, arqueólogo e editor ao que lle dedicaron no ano 2008 o Día das Letras Galegas. Pepe é máis coñecido como Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos poetas fundamentais da denominada xeración dos 80. Entre os seus numerosos libros, figuran Praia das furnas (1983), Luminoso lugar de abatimento (1987), O lume branco (1991) ou Vento de sal (2008). Tanén é autor dunha serie de poemas obxectuais que exhibiu en varias salas de Galicia e de abondosos poemas caligráficos ou visuais. Escribe, sobre todo, para adultos pero tamén fixo libros dirixidos ao público infantil, co humor e a inventiva lingüística como características.
Berta Cáccamo, é unha das grandes creadoras plásticas da arte contemporánea en Galicia  que recibiu o Premio da Cultura Galega no apartado de plástica. O que máis lle gusta é traballar con grandes masas de cor e descubrir nelas a sua linguaxe secreta. Vinculada á xeración do colectivo Atlántica, a súa pintura abstracta, de forte compoñente conceptual, é unha invitación á exploración de formas non regladas e universos paralelos de rebelión. A súa obra forma parte das máis importantes coleccións de arte que hai en España. “Berta Cáccamo”, en palabras de David Barro, “é capaz de destilar influencias afastadas no tempo, sempre disposta ao debate coa súa obra, cos problemas da arte e coas súa imaxes. Exixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha ollada inquieta, emocional e afectiva. De aí que o título da exposición fale de expansión porque a súa obra é ao tempo un proxecto vital, e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscriben na memoria da pintura como material fundamental”.