Descripción
2020 foi o ano que cambiou as nosas vidas e, en certo modo, o que tamén cambiou as formas culturais do mundo. Román Raña achégase a ese meridiano e faino a través dos libros de poesía publicados en Galicia ese ano. “O 2020, nos seus díxitos, albergaba unha advertencia. Dous números (2, 0) dúas veces repetidos; dúas cifras (20, 20) dúas veces reiteradas; unha secuencia (2-0, 2-0) dúas veces repetida. Desde unha perspectiva cabalística só podía anunciar funestos presaxios”, escribe Román Raña no limiar deste libro que se une aos anuarios publicados por Chan da Pólvora. Para o poeta e crítico vigués a diver- sidade foi a gran protagonista da poesía do período, cunha “magnífica efervescencia creadora” que vincula á convi- vencia de varias xeracións literarias aínda plenamente en activo.
Quen se achegue a esta antoloxía, atopará poemas de Álvarez Torneiro, Antón Reixa, Carlos Lema, Carlos da Aira, Ana Romaní, Paula Luís, Antón Lopo, Xavier Seoane, Xosé Maria Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Carlos Negro, Ana María Barral, Isaac Xubín, Oriana Méndez ou Antón Blanco Casás.
Román Raña
Román Raña Lama (Vigo, 1960) publica aos vinte anos o seu primeiro libro, Retrato da sombra en outono, ao que seguirán títulos como Da muda primavera (1988) ou Incendio das palabras (2009), nunha traxectoria que explora a perplexidade de vivir e escribir. Como ensaísta publicou A vixilia no Gólgota infinito, unha reflexión sobre a poesía de Aqui- lino Iglesia Alvariño. Tamén editou De catro a catro de Manuel Antonio, Mesteres de Arcadio López Casanova, Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro e a poesía toda de Xosé Carlos Gómez Alfaro. Como narrador deu ao prelo O crime da rúa da Moeda Vella (1989). Ama todas as mitoloxías e especialmente a música, que –como el asegura, “nos dilúe no tempo”.