Descripción
Salífero é un estado que vai alá da consciencia. Un espazo entre varios ámbitos. Un fluír que nos envolve e arremuíña. Unha loita entre a palabra e o seu significado. Unha voz que borboriña desde o lugar profundo onde comeza a vida.
Luís López Alonso construíu este libro coa determinación de inzar unha obra conceptual, destinada a ser compartida. Comezouno en 2010 e rematouno en 2018, durante un período de convivencia con Genaro da Silva. Boa parte dos poemas xurdiron dun «estar poético» –case novoneyriano– en lugares como a Ribeira Sacra, a Raia húmida do Miño, Arousa, Granada ou o Kuršių marios de Lituania, sempre co mar presente. É un libro que tamén lle debe moito ás lecturas teimudas de Jean Bollack, Arnau Pons, Peter Szondi ou Hans-Georg Gadamer, á Lingüística e ao estudo do código lingüístico galego-portugués.
Luís López Alonso
Naceu en Sarria, 1977 é boticario, lingüista e escritor. Traballa como profesor e investigador da área de Lingüística xeral do departamento de
Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Colaborou en diversas publicacións, residencias e intervencións, entre elas a Revista dos tr3sreinos, a residencia Rosalía en Camiño da Fundación Rosalía de Castro e a residencia Ámeto Mítico da Fundación Uxío Novoneyra. Ademais de Salífero, publicou varias obras colectivas e a peza multidisciplinar Salífero opus #, baseada no poema homónimo e creada en colaboración co fotógrafo e músico Rafael Mallo. Formou parte de Lupercais (Unha antoloxía posible), publicada tamén por Chan da pólvora (2023). Creou e guionizou a serie televisiva Cocorico (RTVG e OQO filmes).