Descripción

Trânsito é o peche simbólico que Antom Fortes fai dunha triloxía formada por Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, dous dos libros máis admirados da poesía homoerótica galega. Trátase dunha entrega onde o autor se demerxe na recuperación saudosa dunha biografía afectivo-sexual, convertendo o poema nunha especie de máquina emocional que nos traslada a unha época callada de dificultades no social e significada polas dúbidas de xénero no individual. Pero non só é o pasado o que abrolla por entre os escintilantes versos de Fortes, senón
que Trânsito é unha obra xurdida no presente e marcada por unha crise de saúde e de idade. Nese sentido, responde tamén á necesidade dun exercicio de memoria terapéutica fronte á morte.
Antom Fortes Torres
Naceu en Sarria en 1957, profesor de instituto, impulsor do colectivo Círculos Líticos –xunto a Lois Diéguez, Isidro Novo ou Marica Campo–, actualmente forma parte do grupo das Lupercais. Publicou títulos encadrados nos máis variados xéneros, con especial repercusión no ámbito infantil e xuvenil. Entre os seus libros, figuran o poemario Sexto fetiche –en continuidade con Figuras masculinas de meio corpo–, a narración xuvenil Fume –Premio no White Ravens do 2009 da Universidade de Munich– ou traducións de autores como Pep Bruno, Pablo Albo ou Svjetlan Junakovic. Entre outros galardóns, recibiu no ano 2017 o V Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro polo conxunto de poemas Ofelia sen dó.