Publicado o

“Todos os lonxes” de Breogán Xague, un dos debuts máis brillantes da poesía galega recente

Estes días chega ás librarías, Todos os lonxes, o debut de Breogán Xague, co que Chan da Pólvora inicia a súa derradeira temporada de acción editorial. O libro, presentado na pasada edición da Selic compostelá por Alba Cid, funciona como unha caste de diario dalguén con 21 anos que marcha ao estranxeiro. A partir dese arrinque, o autor –un artista que transita polos ámbitos da instalación, a museística ou o hip-hop– actualiza o concepto da emigración galega na economía global do século XXI e ofrécenos unha obra escintilante como o fulgor do xeo sobre o que camiña en Suecia. Xague comeza a escribir os poemas cando sabe que marchará a Suecia e coa sensación de que permanecerá alí varios anos. Mentres fala de marchar pero tamén de querer adaptarse, o libro vaise adentrando nos terreo do descoñecido e nós, as lectoras e os lectores, asistimos ao seu devir para entender –e integrar nunha biografía– a nova realidade que o acolle. As súas tentativas, os rodeos e as estratexias tecen unha riquísima superficie de reflexións e estímulos emocionais que converten a lectura de Todos os lonxes nun dos debuts máis brillantes da poesía galega última.
Breogán Xague (Vigo, 1999) é un artista, músico e poeta galego que acaba de graduarse no Mestrado en Arte Libre da Royal Institute of Art de Estocolmo. Vive entre Vigo e Suecia desde o 2020. Neste tempo puido amosar a súa obra en dúas exposición individuais, unha na Galleri Mejan e outra na Galleri ID:I, ademais de varias colectivas no Centro de Arte Mint ou na Real Academia Sueca das Artes, entre outros. Ao mesmo tempo consolidou a práctica artística en Galicia, con recoñecementos como o premio a Novos Talentos Luso-Galaicos da Fundación Eixo Atlántico, o Xaime Illa Couto de poesía ou o terceiro premio Auditorio de Galicia para artistas noveis 2023. No ámbito da música, mantén a súa actividade a través de A Regueifa Plataforma 2.0 e do selo CrystalmineZine. Tamén participou na sexta edición do Festival Internacional Intersección da Coruña e, neste 2024, foi seleccionado para as estancias artísticas CICAGallery da UdC. O seu último disco Xague2 (https://breogan.bandcamp.com/album/xague2) forma con Todos os lonxes unha unidade temporal e biográfica común.