Publicado o

Tres poetas en estado de plenitude: Antom Fortes, Genaro da Silva e Luís López Alonso

(Imaxe recreada dunha fotografía de Rafael Mallo)

Son tres poetas en estado de plenitude. Tres poetas amigos e unidos polo colectivo das Lupercais de Lugo. Tres poetas que exploran novas latitudes, cada un nunha dimensión singular, sexa coa ironía escéptica de Genaro da Silva, a nostalxia decadentista de Antom Fortes ou a conceptualización radical de Luís López Alonso. Chan da Pólvora une os seus destinos publicando a un tempo, e dentro da colección Sentulo, os seus traballos, que se unen ao volume colectivo das Lupercais aparecido o pasado ano. Os tres títulos que conforman esta entrega son Trânsito de Fortes, Gacela de Da Silva e Salífero de López Alonso, que se reedita agora coas fotos de Rafael Mallo, realizadas para o orixinal pero ata agora inéditas. Os libros preséntanse simultaneamente este venres 1 de marzo na Casa D’Agua de Lugo (Rúa do Miño, 30) nun acto que comezará ás oito da tarde.

Salífero

Salífero é un estado que vai alá da consciencia. Un espazo entre varios ámbitos. Un fluír que nos envolve e arremuíña. Unha loita entre a palabra e o seu significado. Unha voz que borboriña desde o lugar profundo onde comeza a vida. Luís López Alonso construíu este libro coa determinación de inzar unha obra conceptual, destinada a ser compartida. Comezouno en 2010 e rematouno en 2018, durante un período de convivencia con Genaro da Silva. Boa parte dos poemas xurdiron dun «estar poético» –case novoneyriano– en lugares como a Ribeira Sacra, a Raia húmida do Miño, Arousa, Granada ou o Kuršių marios de Lituania, sempre co mar presente. É un libro que tamén lle debe moito ás lecturas teimudas de Jean Bollack, Arnau Pons, Peter Szondi ou Hans-Georg Gadamer, á Lingüística e ao estudo do código lingüístico galego-portugués.

Luís López Alonso (Sarria, 1977) é boticario, lingüista e escritor. Traballa como profesor e investigador da área de Lingüística xeral do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Colaborou en diversas publicacións, residencias e intervencións, entre elas a Revista dos tr3sreinos, a residencia Rosalía en Camiño da Fundación Rosalía de Castro e a residencia Ámeto Mítico da Fundación Uxío Novoneyra. Ademais de Salífero, publicou varias obras colectivas e a peza multidisciplinar Salífero opus #, baseada no poema homónimo e creada en colaboración co fotógrafo e músico Rafael Mallo. Formou parte de Lupercais (Unha antoloxía posible), publicada tamén por Chan da pólvora (2023). Creou e guionizou a serie televisiva Cocorico (RTVG e OQO filmes).

Trânsito

Trânsito é o peche simbólico que Antom Fortes fai dunha triloxía formada por Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, dous dos libros máis admirados da poesía homoerótica galega. Trátase dunha entrega onde o autor se demerxe na recuperación saudosa dunha biografía afectivo-sexual, convertendo o poema nunha especie de máquina emocional que nos traslada a unha época callada de dificultades no social e significada polas dúbidas de xénero no individual. Pero non só é o pasado o que abrolla por entre os escintilantes versos de Fortes, senón que Trânsito é unha obra xurdida no presente e marcada por unha crise de saúde e de idade. Nese sentido, responde tamén á necesidade dun exercicio de memoria terapéutica fronte á morte.

Antom Fortes Torres (Sarria, 1957) atravesa ao longo da súa traxectoria a poesía, a literatura infantil e xuvenil, a tradución e tamén a escrita de guións. Actualmente forma parte do grupo das Lupercais. A súa obra inclñue títulos como Figuras masculinas de meio-corpo, Sexto fetiche, Ofelia sen dó ou Gris Cinza. No ámbito das obras dirixidas ao público xuvenil, figuran Caderno animalista, Fume ou Á sombra dos anacardos.

Gacela

Genaro da Silva nunca se distanciou tanto nin estivo tan próximo de si mesmo como neste libro irónico e fondo, íntimo e ficcional. Tras desenvolver nos últimos anos unha serie de títulos que o converteron nun poeta de difícil clasificación no panorama poético galego, ofrécenos en Gacela un artefacto de ritmo coronario que nos deixa, a medida que se le, unha mestura de pouso emocional e enxeño resacoso. A súa poesía cóbrese dunha apariencia amable pero no seu xermolo vólvese inquietamente tolda, como a profundidade do bosque . “Cando a narración se afasta do posíbel para inventar(se)”, asegura o autor, “un invéntase así nela”.

Genaro da Silva (Mourente, Pontevedra, 1980) cre que o poeta debe correr riscos e que a poesía debe ser liminar ante o descoñecido. Autor de títulos como Mudanzas (publicado en castelán no 2008 e Premio da Universidade de Zaragoza), Esguello (en coautoría coa pintora Carolina Munaiz no 2015) ou Lahdnets (libro obxectual do 2018 xunto ao pintor Gabriel Viñals), Da Silva é editor da revista e da páxina dos tr3sreinos.com ademais de coordinar o encontro de poesía arraiano. É enxeñeiro forestal e biólogo de profesión.