Publicado o

Xela Arias por Xela Arias

O martes 23 de marzo chegou ás librarías De certo, a vida ía en serio, de Xela Arias, unha singular achega de Chan da Polvora para celebrar o Día das Letras Galegas. A partir de entrevistas, conferencias, reflexións, autopoéticas e poemas, o volume permítenos descubrir a personalidade e a obra da autora cunha perspectiva ata agora inédita. Maria Xesus Nogueira foi a encargada de realizar a selección de textos e mais as contornas que pechan o volume, un traballo de indagación que axuda a abrir as lecturas sobre unha muller que vivíu de maneira intensa e, con frecuencia indómita, o seu tempo.

“Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta”, escribe Xela Arias neste libro de forza incontestable, titulado como un dos seus versos máis rotundos, De certo, a vida ía en serio. Non se trata unicamente dunha escolma ou dunha biografía. Estamos ante unha mirada transversal que reconstrúe a complexidade da escritora a través das súas propias palabras, pero tamén unha esixente selección de poemas, intensos e demoledores, visionarios e inquietantes.

Xela Arias naceu en Sarria (1962) pero viviu desde os nove anos en Vigo. A inicios da década dos oitenta comezou a publicar en suplementos de xornais, revistas e fanzines. A súa voz deixouse escoitar tamén en recitais, principalmente no Festival da Poesía no Condado, ao que acudiu de maneira habitual. A súa traxectoria profesional transitou desde o traballo en Edicións Xerais de Galicia á docencia no ensino secundario tras retomar os estudos que abandonara e licenciarse en Filoloxía Hispánica.

Na efervescencia cultural dos anos oitenta, atopou no deseño, na fotografía e na música unha posibilidade de diálogo interartístico, que desenvolveu ao longo dos anos en diferentes propostas. Os seus poemas quedaron reunidos en catro volumes: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). No ano 2018, María Xesús Nogueira preparou en 2018 unha Poesía reunida (1982-2004) que inclúe numerosos textos soltos de publicacións periódicas e de libros colectivos. Morreu de maneira inesperada en novembro de 2003, cando estaba a traballar nas presentacións de Intempériome.

A encargada de realizar a selección de textos fui María Xesús Nogueira Pereira (Berres, A Estrada, 1968), unha das máis recoñecidas investigadoras da poesía galega das últimas décadas, sobre todo no ámbito que indaga na relación dos procesos da escrita e do xénero. Profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela, autora de numerosos traballos sobre poesía contemporánea e sinatura frecuente en diferentes medios escritos (durante anos foi colaboradora tamén no desaparecido Diario Cultural da Radio Galega), María Xesús Nogueira foi unha das teóricas da denominada xeración dos 90. É editora da Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias, e foi presidenta da Asociación Galega da Crítica. Para Chan da Pólvora realizou a selección 13. Antoloxía da poesía galega próxima e Dous mil (dezaoito), unha escolma dos poemarios que se editaron en Galicia no ano 2018. Esta última escolma pode consultarse na sección Chanzo da web da editorial, www.chandapolvora.gal.