Berta [Xosé María Álvarez Cáccamo]

10,00

Descripción

 22-05-2019 
 9788494993121 
 
 Malaca de Fóra, número 5


Berta é o título da longa composición que Xosé María Álvarez Cáccamo realizou despois da morte da súa irmá, a pintora Berta Cáccamo.

A plaqueta non só inclúe o texto Xosé María senón que tamén presenta varios debuxos da pintora, algúns deles inéditos, seleccionados de maneira especial para edición polo albacea de Berta Cáccamo, Juan de Nieves, asesor artístico da edición.

Na mañá do 11 de marzo de 2018, Berta Cáccamo morría de forma inesperada na casa familiar de Coruxo. Tiña 54 anos. Só unhas semanas despois e coa sombra da artista debrocándolle aínda a mirada, o seu irmán maior empezou a escribir de forma compulsiva para combater o silencio do teléfono, a casa muda, a atmósfera sen nubes do corpo e o movemento interrumpido dunha muller que revolveu a arte galega das últimas décadas cun xesto pictórico conceptual e grandioso. O resultado desa experiencia foi un longo poema que titulou sinxelamente Berta. A voz do poeta nunca se amosou, como nesta obra de versos espidos e dramaticamente rotos, tan conmovedora. Non é só literatura o que tedes ante os vosos ollos: é tamén unha poderosa explosión de vida.


Pepe Cáccamo (Vigo, 1950) e Berta Cáccamo (Vigo, 1963) son irmáns: el é o morgado e ela a pechacancelas da familia creada por María Luísa Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez, escritor, arqueólogo e editor ao que lle dedicaron no ano 2008 o Día das Letras Galegas. Pepe é máis coñecido como Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos poetas fundamentais da denominada xeración dos 80. Entre os seus numerosos libros, figuran Praia das furnas (1983), Luminoso lugar de abatimento (1987), O lume branco (1991) ou Vento de sal (2008). Tamén é autor dunha serie de poemas obxectuais que exhibiu en varias salas de Galicia e de abondosos poemas caligráficos ou visuais. Escribe, sobre todo, para adultos pero tamén fixo libros dirixidos ao público infantil, co humor e a inventiva lingüística como características.
Berta Cáccamo era unha das grandes creadoras plásticas da arte contemporánea en Galicia. O que máis lle gustaba era traballar con grandes masas de cor e descubrir nelas a sua linguaxe secreta. Vinculada á xeración do colectivo Atlántica, a súa pintura abstracta, de forte
compoñente conceptual, é unha invitación á exploración de formas non regladas e universos paralelos de rebelión. A súa obra forma parte das máis importantes coleccións de arte que hai en España.