Xosé María Álvarez Cáccamo levaba xa nove anos sen publicar un libro individual dirixido a adultos e A liña da vida, que acaba de editar Chan da Pólvora, convértese no seu máis esperado regreso. O libro preséntase o vindeiro día 29 de novembro, a partir das sete da tarde, na libraría Wells de Cangas, coa presenza de Luís López Alonso e Antón Lopo, director da editora. Sen dúbida, A liña da vida non defraudará aos abondosos seguidores deste autor, considerado unha das figuras centrais da poesía galega das últimas décadas.
Mes: Novembro 2023
Oriana Méndez leva as suas ‘chairas sucesións’ a Compostela o día 23 e a Vigo o día trinta
Oriana Méndez, unha das autoras xa clave na nova poesía galega, comeza este xoves día 23, na Sala Numax de Compostela, a campaña para presentar o seu novo libro, chairas sucesións, obra na que refunda a súa singular proposta de linguaxe e de forma poética. O libro, que acaba de publicar Chan da Pólvora, tamén se presenta o día trinta de novembro, a partir das oito da tarde, na libraría cartabón de Vigo.
María do Cebreiro e Antón Lamazares constrúen unha casa cun libro de poesía para crianzas
Quería contarche o que é unha casa, o insólito libro que construíron María do Cebreiro e Antón Lamazares, converteuse na terceira entrega da colección Udra, ideada por Chan da Pólvora para fomentar a poesía na rapazada máis nova. Agora, varios meses despois da súa publicacion, o volume preséntase o venres día 24 na galería Trinta de Compostela. No acto, que comezará ás sete e media da tarde, participarán non só *s autor*s desta singular proposta senón tamén a profesora e crítica literaria Iria Sobrino e Antón Lopo, director do selo compostelán.
Reixa presenta ‘2ª man’, o seu novo libro, o martes 28 en Compostela xunto a Henrique Monteagudo
Antón Reixa leva case cincuenta anos explorando polas físguas que achegan a poesía á performance e 2ª man, o libro que agora publica Chan da Pólvora representa talvez a mostra máis nítida da súa xa longa peripecia de aproximación. Reixa presentará 2ª man o vindeiro día 28 de novembro, martes, a partir das 19 horas, na libraría Cronopios de Compostela en compaña de Henrique Monteagudo. Trátase do segundo título do autor no catálogo da editora, despois de que no ano 2020 aparecese Outlet, un dos libros clave na traxectoria recente dunha figura que, como poucas, definen a poesía galega desde os anos oitenta.
2º man xorde da mirada asombrada do poeta sobre a paisaxe urbana e informativa. Nese sentido, foi inicático o poema Non odias os luns, odias o capitalismo, que serviu de manifesto para a edición 2022 do festival Alguén que respira!, e ao mesmo tempo a visión dun home vestido de azul que durante meses, e á mesma hora, pasaba todos os días diante da súa casa con paso apurado e uns auriculares. A mais do enigma que suscitaba esta recorrencia, a acción transmitiulle a disciplina de escribir algo sobre el durante varios días seguidos. O libro inclúe imaxes da performance Acción Anakoluto, onde Reixa aparecía maquillado de negro e imitaba a mímica dos tradutores en lingua de signos. Baéase nun feito real que chegou ao autor na marea de paisaxe informativa: durante os funerais de Nelson Mandela, retransmitidos internacionalmente, camuflouse un psicótico que se fixo pasar por tradutor para xordos profesional e acabou traducindo disparates inconexos.
Alexandre Nerium presenta ‘Aquén do mar’, unha antoloxía das mulleres que escribieron de Fisterra
Alexandre Nerium, un dos axitadores culturais máis aprezados da Costa da Morte desde os seus anos de militancia no Batallón Literario, presenta este sábado once de novembro a súa última obra, a antoloxía Aquén do mar, subtitulado Cantos de serea na luz da Fin da Terra, resultado de varios anos de traballos para recoller e, nalgúns casos, verter ao galego a extensa produción de poemas que teñen Fisterra como motivo. O volume aparece na colección Cova da lontra de Chan da Pólvora e reúne oitenta poemas de mulleres que escribieron sobre “a fin da terra”, ademais de varias ilustracións realizadas co mesmo tema por distintas artistas.
A presentación, que se desenvolverá a partir das 19 horas no Salón de Actos do Concello de Fiestera, contará coa participación de X. H. Rivadulla Corcón, Eva Veiga, Rosalía Fernández Rial, Viki Rivadulla, Pilar Pallarés, Margarita Ledo Andión, Antón Lopo, Alexandre Nerium e Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, ademais da violinista Antía Ameixeiras
Ademais de ser un punto estratéxico para a humanidade Fisterra é o son dun sentimento, o final do Camiño de Santiago, a cuncha de vieira; o orto e o solpor, naufraxio, precipicio, a Polar dun mar descoñecido, o rumbo verdadeiro, un símbolo de igualdade e de diversidade, a voz e o silencio, a mística sonoridade da buguina, da luz o escintileo. Aquén do mar é un percorrido polas voces que chegaron a ese límite e, ao tempo, unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a da muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo.