
Hai tempo que a poesía está a sufrir un proceso de liberación das súas formas tradicionais e de unión a outros medios artísticos. Os poemas, asegura Antía Monteagudo Alonso na nova publicación de ChanZo, non se escriben só con palabras, senón que existe unha multitude de formas e canles nas que poden aparecer. As publicacións galegas de 2018 deron conta desta diversidade e demostraron, a xuízo da investigadora, como cada vez é máis común que o poético dialogue con outras prácticas artísticas como a performance, o cine, a música ou as artes visuais e plásticas. O artigo completo podédelo descargar en ChanZo, dentro da panorámica sobre a poesía do ano 2018 que iniciamos coa antoloxía realizada por María Xesús Nogueira (Dous mil) dezaoito, e o artigo de Miro Villar Sete anotacións para unha lectura (persoal) da poesía galega de 2018.

Durante o proceso editorial de Beleza, verdade, a antoloxía de Ricardo Carvalho Calero que publicamos en Chan da Pólvora, a súa autora, Pilar Palláres, dixo que a poesía de don Richi [como chama ela ao seu outrora profesor] non era o resultado dunha inquietude intelectual senón o efecto da envolvencia da súa posición emocional. Trátase dunha poesía na que a verdade e a beleza coexisten, loitan e afírmanse, dinámica á que non é alleo a apaixonante perfil dun home múltiplo e contraditorio, cunha visión da existencia fundamentalmente relativista. Pilar Pallarés volve a mirada sobre esa poesía e coa súa escolma descóbrenos ámbitos que permanecían case inéditos, como a vertente política, o turbador xogo de máscaras e os paradoxos dunha traxectoria que percorre o século XX coa forza da liberdade. Hoxe, 17 de maio de 2020, é o seu día por fin: o día de don Richi.



