Durante o proceso editorial de Beleza, verdade, a antoloxía de Ricardo Carvalho Calero que publicamos en Chan da Pólvora, a súa autora, Pilar Palláres, dixo que a poesía de don Richi [como chama ela ao seu outrora profesor] non era o resultado dunha inquietude intelectual senón o efecto da envolvencia da súa posición emocional. Trátase dunha poesía na que a verdade e a beleza coexisten, loitan e afírmanse, dinámica á que non é alleo a apaixonante perfil dun home múltiplo e contraditorio, cunha visión da existencia fundamentalmente relativista. Pilar Pallarés volve a mirada sobre esa poesía e coa súa escolma descóbrenos ámbitos que permanecían case inéditos, como a vertente política, o turbador xogo de máscaras e os paradoxos dunha traxectoria que percorre o século XX coa forza da liberdade. Hoxe, 17 de maio de 2020, é o seu día por fin: o día de don Richi.
Beleza, verdade, publicado na súa colección Cova da lontra, é unha proposta de lectura singular pero tamén unha análise extraordinaria da obra e da personalidade dun escritor que adquire aquí unha complexidade inédita. Ao tempo, o volume contextualiza e reconstrúe a imaxe de Calero cunha cronoloxía da súa peripecia persoal –marcada pola represión na ditadura– e unha serie de materiais complementares, autopoéticas, entrevistas e fotografías que amosan o carácter monumental do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas do 2020.
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) foi unha das figuras fundamentais da cultura e a política galega do século XX. Membro do Partido Galeguista, activista do Seminario de Estudos Galegos, académico, autor da máis celebrada historia da literatura galega, mestre de sucesivas xeracións de profesionais da filoloxía e impulsor do reintegracionismo ortográfico, Carvalho Calero é tamén autor dunha riquísima obra poética e de dúas novela de grande repercusión, Xente da barreira (1951) e Scórpio (1982), ademais de varias pezas de teatro e numerosos ensaios.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) converteuse desde os seus dous primeiros libros, Entre o lusco e fusco (1979) e Sétima soidade (1983), nunha figura referencial da poesía galega contemporánea. Nesa posición consolidouse, e mesmo agrandouse, ao publicarse Livro das devoracións (1996). Posteriormente entregoulle aos lectores Leopardo son (2011) e máis recentemente Tempo fósil, publicado tamén por Chan da Pólvora Editora e recoñecido con dous dos galardóns máis importantes do panorama cultural: o Premio da Crítica Española ao mellor poema en galego do 2018 e o Premio Nacional de Poesía.
Beleza, verdade é a segunda ocasión en que Pallarés se enfronta á escolma da poesía do autor ferrolán, xa que no ano 1992 publicou Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero).