Pau Vadell, a voz máis admirada da poesía balear, chega por vez primeira ao galego da man de Chan da Pólvora Editora e con tradución do tamén poeta Gonzalo Hermo. O libro, titulado Coas costas dobradas (Esquenes vinclades), converteuse nunha referencia actual ao conseguir un dos máis prestixiosos galardóns da lingua catalá, o dos Xogos Florais de Barcelona, no ano 2017. Trátase dunha aposta de Chan da Pólvora por un poeta que ensaia novas formas de enfrontarse ao eu e á colectividade, cunha lingua poderosa e un verso aceirado, onde o brillo é tan intenso como a súa contundencia. Coas costas dobradas agroma nos intersticios dunha realidade onde o desexo é o único código de comunicación posible. Escrito con paixón, co sangue a vibrar e a pel estremecida, este libro explora a experiencia dunha Mallorca xentrificada onde, con todo, aínda é posible admirar a beleza dun ceo estrelado en Calonge, o mar batendo contra os cons unha tarde de vento. Vadell foi gañador con este libro do prestixioso premio Jocs Florals de Barcelona en 2017, que o confirmou como un dos nomes imprescindibles da nova poesía en catalá.
O libro que agora publica Chan da Polvora, co apoio do Institut d’Estudes Baleàrics e da Xunta de Galicia, é a cuarta obra dentro da colección Rabo de Egua. Vadell i Vallbona (Mallorca, 1984) posúe unha das escritas máis suxestivas da poesía en catalá actual. Na súa poesía, dunha inquietante violencia, o autor expresa a potencialidade de estar vivos: “Se chego a vello,/ terei que rebentar o cerebro coa escopeta./ Levei ata as derradeiras consecuencias/ ter a mirada posta no corpo”, dinos nunha ocasión. Esta aposta non é cega, acepta as sombras e míralles ao rostro, baila tamén con elas: bérralles: “E é magro o silencio / se os que che falan ao lombo / levan cicuta nos ollos.”, porque os nosos demos somos nós.
Poeta, editor de AdiA Edicions, xestor cultural e historiador, Pau Vadell (Calonge, Mallorca, 1984) publicou xa unha ducia de títulos, boa parte recoñecidos con distintos galardóns: Els últims Temple (premio Miquel Àngel Riera 2009), Apèndix city (2010), Carnatge (2012), Sang Cremada (premi Vila de Lloseta 2014), Traït (premi Senyoriu Ausiàs March 2015) ou Terra llarga (2019). Tamén é tradutor e participa activamente en movementos sociais e culturais do ámbito lingüístico catalán. Foi cofundador do colectivo Pèl capell, fonte da antoloxía Pedra Foguera. Antologia de poesia jove dels Països Catalans (2008). Recitou a súa obra en festivals da Alemaña, Serbia, Croacia, Palestina, México, Italia. Foi coordinador do Comitè d’Escriptors Perseguits do PEN Catalán (2013-2014) e actualmente dirixe AdiA Edicions, coordina as activitadades da Casa Blai Bonet. Centre de Poesia, e é vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Catalá das Illas Baleares.