Publicado o

A poesía da Nobel americana Louise Glück chega ao galego da man de Chan da Pólvora

Louise Glück, a poeta recoñecida o pasado 2020 co Premio Nobel de Literatura, chega ao galego da man de Chan da Pólvora, que publicará tres títulos da autora nos próximos meses. O primeiro volume é Noite fiel e virtuosa, o máis recente da poeta, que as lectoras e os lectores poderán ler a partir de xuño. Samuel Solleiro foi o encargado de realizar a tradución da obra, á que seguirá no próximo outubro Winter recipes from the colective, un inédito que aparecerá simultaneamente en galego e en inglés.

Noite fiel e virtuosa [en inglés Faithful and virtuous night] é o título do último libro da poeta norteamericana Louise Glück, Premio Nobel Literatura de 2020, que o próximo mes de xuño aparecerá en galego da man de Chan da Pólvora. O selo fixo unha forte aposta pola autora e en dúas temporadas publicará tres dos seus libros, entre os que figura o emblemático Averno. Pero antes de que apareza Averno, Chan da Pólvora vaille achegar ás lectoras e aos lectores outros dous títulos de menor difusión pero de grande actualidade, un deles é Noite fiel e virtuosa –con tradución de Samuel Solleiro– e xa para outubro Winter recipes from the colective, un inédito de Glück que aparecerá simultaneamente en galego e inglés.

Os libros da Nobel de 2020 aparecerán na colección O Río, dedicada especificamente ás traducións. Nesa mesma colección, publicáronse títulos como Físico de Andrew McMillan [vertido ao galego por Isaac Xubín] e Ferrovías de John Berger e Anne Michaels [con tradución de Martín Veiga].

Noite fiel e virtuosa, publicado en 2014, é unha das obras máis inquietantes de Glück, non só porque usa por vez primeira a prosa nos seus poemas senón tamén porque desenvolve, baixo un catálogo ficcional, a complexidade das identidades de xénero. Deste xeito, a autora fala a través dunha muller e dun home, creando un xogo de espellos escintilante que redimensiona os poemas. Ao mesmo tempo, Glück abandona a temática mitolóxica que caracterizara as súas obras anteriores e adéntrase nun enganoso aspecto biográfico para falar, sobre todo, da morte, pero tamén da vellez, do amor e mais da experiencia.