Palmeiras, Piueiros, o libro que marca o regreso de Anxo Angueira á poesía tras case quince anos de silencio poético, reunirá o vindeiro mércores catro de maio en Compostela ao seu autor con Chus Pato, unha das poetas máis admiradas da poesía contemporánea galega. Canda eles estará Sechu, músico que ao longo dos últimos meses acompaña a Angueira nos seus recitados. Será na libraría Couceiro a partir das sete e media da tarde. Palmeiras, ípiueiros non é só dun regreso de Angueira: estamos ante unha visión global sobre o autor que Chan da Pólvora publica no seu sesenta aniversario e no que o acompañan as esculcas reveladoras da propia Chus Pato punto a Xabier Cordal.
O sexto volume da colección Cova da lontra de Chan da Pólvora ten como protagonista a Anxo Angueira, un dos poetas máis singulares da denominada xeración dos oitenta e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro. O libro, que chega xa á súa segunda edición e que ten un lugar decisivo xa na traxectoria de Angueira, presentase este catro de maio na libraría Couceiro nun acto no que participará Chus Pato e Sechu, músico de Dodro que acompaña nos últimos meses ao poeta nos seus poderosos recitais.
Angueira levaba quince anos sen publicar poesía ata a aparición deste libro inesperado, cun título onde conviven o que morre e o que renace, o vexetal e o pétreo, o exótico e o enxebre, o coñecido e o por descubrir. O libro, porén, non rompe só un silencio prolongado senón que ofrece unha perspectiva poética global do autor no seu sensenta aniversario. “Calquera fronteira que poidades imaxinar ou coñecer, calquera cicatriz que en falso fose cosida é rebentada pola forza desta escritura”, asegura Chus Pato respecto dos poemas de Angueira nas achegas das Contornas que pechan o volume, apartado que comparte coa reveladora entrevista de Xabier Cordal e a autopoética do propio poeta.
Palmeiras, piureiros nace dun feito determinante: a morte da palmeira de Manselle, que para el simbolizaba un emblema do seu lugar natal e, ao mesmo tempo, unha refexión sobre a idea de rexurdimento na historia cultural da Galicia contemporánea. Nese suceso, desencadeouse o impulso creativo e extendenuse en múltiples dirección, nun proceso desbordante que atinxe tanto á intensidade formal como á profundidade das emocións. Máis que nunca, neste libro de Angueira, a palabra e a voz son un principio de pracer.