Chan da Pólvora Editora celebra o próximo sábado día 27 de xuño, a partir das oito do serán, o seu cuarto aniversario de actividade e faino abrindo o espazo da Horta das Chás. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados na Corrredoira das Fraguas, en Compostela, que forma parte dunha extraordinaria contorna comunal de cultivos. As Chás está concibido para acoller os recitais da editora pero tamén como primeiro paso na consolidación dunha sede física, despois de abrir o pasado marzo a súa web. No mesmo acto, presentaranse as dúas primeiras novidades da temporada: Dendrita de Paula Luís e Figuras masculinas de maio-corpo de Antom Fortes, volume ao se lle dedica o Libro do Orgullo Galego 2020, unha iniciativa coa que naceu precisamente a editora no ano 2016.
‘Figuras masculinas de meio-corpo’, de Antom Fortes, Libro do Orgullo Galego 2020
Tras permanecer máis dunha década inédito, en 1997 publícase Figuras masculinas de meio-corpo, de Antom Fortes, un libro que abre unha singular vía expresiva na poesía galega dos anos noventa. Agora, vinte anos despois da súa publicación, Chan da Pólvora Editora recupera o texto e dedícalle o Libro do Orgullo Galego 2020, celebración que une a homenaxe ao Estatuto de Autonomía de 1936 e a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+, efemérides ambas que coinciden no 28 de xuño. Ese día, precisamente, a editora compre catro anos de actividade e para celebralo presenta o libro de Fortes na Horta das Chás, en Compostela, nun acto no que participa Xosé María Álvarez Cáccamo e no que tamén se presenta Dendrita de Paula Luís, con introdución de Estíbaliz Espinosa.
Continúe lendo ‘Figuras masculinas de meio-corpo’, de Antom Fortes, Libro do Orgullo Galego 2020
O xornal literario Waxwing publica en inglés cinco poemas de ‘A lentitude’, de María do Cebreiro
Cinco poemas de A lentitude, o libro que María do Cebreiro publicou en Chan da Pólvora Editora no ano 2018, acaban de aparecer no xornal literario americano Waxwing [waswingmag.org], traducidos por Jacob Roberts. Os poemas reflecten, segundo Roberts, esa inclinación que caracteriza á poeta galega de mesturar as “reflexións esotéricas e filosóficas cunha brevidade case aforística e unha linguaje engaiolante e mística”. En todo o conxunto de A lentitude, engade o tradutor, a poeta invoca a natureza, os elementos, os corpos, as nocións humanas ou as construcións humanas como un espello no que contemplarnos nós mesmos. Os poemas traducidos son O lume, O xeo, Unha cantiga, O Futuro e O Chan.
Así é O lume [páxina 9 da edición de Chan da Pólvora] na tradución ao inglés:
I threw the ring into the river. Some things
are a dead weight. We make
metal objects because we lack faith
in the duration of bonds. I had faith in
water. I thought it would carry away the ring
and guide it to death, darker
and more consistent than life.
The river couldn’t clean away a thing.
There’s no being born again for the newborn,
just as there’s no rebirth for the resurrected.
I sat down on the bank. One side
said: “A river that shifts plants is
a river that drowns them.” The other side
said: “Life has spines but one day,
out of the blue, a flower will bloom.”
What you need is a baptism by fire.
Life, scorched earth. I want to be
like flame, I want to watch the fire burn.
Verde lombo de dragón para ‘Dendrita’, o libro que inaugura a temporada de Chan da Pólvora Editora
Manolo Martínez elixiu un verde lombo de dragón [Pantone 583+negro] para Dendrita, o primeiro libro de Paula Luís e tamén o primeiro da nova temporada de Chan da Pólvora Editora. A sobrecuberta desta obra impactante, onde Paula Luís explora os labirintos da identidade, o funcionamento da mente e o xesto poético, estará vernizada sobre un papel Olim Regular Natural White de 120 gramos, con impresión a dúas tintas. O motivo da cuberta [a sorpresa que cada libro da editora agacha no seu deseño] é un debuxo de Ramón y Cajal, denominado Neurona de Purkinje do cerebro humano. A Paula Luís, o debuxo lémbralle a sucesión de Fibonacci, na que cada número é a suma dos dous anteriores. Esta visión encaixa perfectamente na esencia de Dendrita, que a poeta concibe desde a forza do colectivo. En dez días, o libro chegará ás librarías.
A hedra, unha metáfora a través da que Ramón Rozas se achega á poesía galega do ano 2018
A exhuberancia poética non deixa de abraiar no noso sistema literario, asegura Ramón Rozas no artigo para descarga que aparece na sección ChanZo, unha nova entrega da revisión sobre o panorama editorial poético galego do ano 2018 que publicamos nas últimas semanas, e que inclúe unha antoloxía de María Xesús Nogueira. En palabras do crítico literario do Diario de Pontevedra, trátase dun período de claro avance “nesa conquista permanente na que está enchoupada a nosa poesía nos últimos tempos”. Pero tamén hai unha sombra: “certo é que se seguen precisando lectores”.
A poesía está “nun proceso de liberación da forma tradicional”, escribe Antia Monteagudo en ChanZo
Hai tempo que a poesía está a sufrir un proceso de liberación das súas formas tradicionais e de unión a outros medios artísticos. Os poemas, asegura Antía Monteagudo Alonso na nova publicación de ChanZo, non se escriben só con palabras, senón que existe unha multitude de formas e canles nas que poden aparecer. As publicacións galegas de 2018 deron conta desta diversidade e demostraron, a xuízo da investigadora, como cada vez é máis común que o poético dialogue con outras prácticas artísticas como a performance, o cine, a música ou as artes visuais e plásticas. O artigo completo podédelo descargar en ChanZo, dentro da panorámica sobre a poesía do ano 2018 que iniciamos coa antoloxía realizada por María Xesús Nogueira (Dous mil) dezaoito, e o artigo de Miro Villar Sete anotacións para unha lectura (persoal) da poesía galega de 2018.