
Exuvia e saliva, o libro que marcou o regreso de Lorena Souto á poesía, foi elixido o mellor poemario do ano 2025. Así o recoñeceu o xurado dos Premios da Crítica, que cada ano concede a Asociación Española de Críticos Literarios, á que está asociada a Asociación Galega da Crítica. O poemas do volume, que publicou Chan da Pólvora no mes de setembro, colocan unha ollada de microscopio sobre o contexto rural, fixada no detalle a nas estruturas internas, que foxe de idealizacións para formular preguntas abertas e procurar unha comprensión íntima da experiencia vital nesa realidade. O libro xorde como unha ampliación de Coleópteros, plaquette aparecida tamén en Chan da Pólvora, que foi medrando como o fai o pan cando leveda. Os temas que xa aparecían na obra anterior (a linguaxe e o silencio, os rituais e o alimento, a natureza, a idea de pertenza…) desenvólvese en profundidade arredor de tres capítulos que se suman a Coleópteros.


(Foto ANDRÉS CURRAIS)




