Publicado o

Chan da Pólvora aposta con Ana Romaní e Antón Reixa polo Culturgal na súa edición más difícil

Chan da Pólvora Editora aposta polo Culturgal na súa edición mais difícil e leva ao encontro das industrias culturais galegas dúas presentacións singulares: A desvértebra de Ana Romaní e Outlet de Antón Reixa, os títulos máis recentes dunha editorial que desafía a pandemia cunha asombrosa proposta de novidades. Deste xeito, ademais das novas entregas de Romaní e Reixa, Chan da Pólvora achega estes días ás librarías Nós outras, un libro de poesía para nenas e nenos realizado por Marica Campo e Menchu Lamas cunha vocación inclusiva e unha revolucionaria forza expresiva. Xa no mes de decembro, desembarcarán dúas das obras máis esperadas da temporada: Ferrovías de John Berger e Anne Michaels con fotografías de Tereza Stehlíková; e mais O gran poema de Tino de Féliz, alcume de Constantino Bértolo.

A pandemia da covid-19 non impedirá que entre o 28 e o 29 de decembro se celebre no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición do Culturgal, o gran encontro da industria cultural galega. Se ben este ano non haberá expositores, o certame organizou unha serie de actividades que, na súa maioría, poderán seguirse por streaming aínda que tamén se estableceu un aforo para a asistencia de trinta persoas. Chan da Pólvora apoia o encontro coa presentación das súas máis recentes novidades: A desvértebra de Ana Romani e Oulet de Antón Reixa, que subirán ao escenario para facer un recital dos seus textos, no caso de Romaní acompañada por Chus Silva nunha proposta de espazo sonoro que posteriormente poderá escoitarse na edición dixital do Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo) que atoparás nesta web.

A desvértebra

A desvértebra supón un xiro revelador na obra de Ana Romaní e descubre novas vertentes e expresións nunha poeta que xa é, en por si, unha das voces máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.

O libro chega acompañado dunha experiencia singular que a poeta desenvolve xunto a Chus Silva, músico e integrante do proxecto de electrónica musical Aparato, co que traballou nos últimos anos. Xuntos estrearon xa o pasado ano a peza 2% un rectal para esquecer no Festival Alguén que respira, do que forman parte como creadores de espazos sonoros. Nesa senda presentan agora unha intervención arredor de A desvértebra, que estrean o domingo día 29, a partir das 17,30 horas, no Culturgal nun ámbito específico titulado A poesía necesaria. Moitos destes contidos pasarán despois á páxina de edicións dixitais do Laboratorio de Indagacións Poétivcas (LIPo) que se inclúe na web da editorias, www.chandapolvora.gal

Outlet

Outlet, pola súa parte, é o libro que rompe un silencio prolongado de Antón Reixa coa poesía. Faino, ademais, nunha temporada de reencontro cos lectores e as lectoras, tanto na narrativa con Michigan, acaso Michigan como no teatro con Melancoholemia. Despois dunha paréntese de escrita poética e durante a convalecencia dun accidente que case lle costa a vida, o autor entra nun período intenso de escrita. Dese transo de marcada reflexión, e  partir de textos pre-existentes, xurden os poemas de Outlet, un libro que se nutre da racionalización do proceso creativo.

No recital Outlet, que terá lugar na mesma sesión de Ana Romaní e Chus Silva a partir das 17,30 do dá 29, fanse patentes as carecterísticas e mais a potencia do Reixa recitador, que comezou a emerxer publicamente en Rompente, colectivo que nos últimos meses se volveu reunir para actuar en directo. De, feito, nos recitais do colectivo aparecen algunhas das composicións incluídas no libro. Esta circunstancia confírelle ao material publicado a dimensión da oralidade que, por outro lado, está estreitamente ligada á xénese poética do autor.