Mercedes Martínez Modroño, unha das activistas culturais da Ribeira Sacra, presenta ao longo das próximas semanas o seu libro A falta dun Edén, a terra en Compostela, A Coruña e Monforte de Lemos. En Compostela, onde estará o día dez a partir das oito da tarde na libraría Couceiro, Martínez Modroño terá como compañeiros a Manolo Martínez, deseñador gráfico das edicións de Chan da Pólvora, e á poeta Branca Novoneyra. Na Coruña, nun acto previsto o 17 de novembro na libraría Berbiriana, será Antón Reixa o encargado de facer a introdución ao volume, mentres que en Monforte será dúo Versofonía quen a acompañe o vindeiro dous de decembro no Ateneo Casino da cidade.
O libro, que aparece dentro da Colección N, o proxecto partillado por Chan da Pólvora e Amastrangallar, é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística. Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente.
O libro forma parte dun ambicioso proxecto que a autora desenvolve desde hai tempo. Nel, os textos prolónganse nunha dimensión musical que interpreta en directo co dúo Versofonía e que ten como principal espazo de acción a Ribeira Sacra.