[Foto: a activista cultural Helena Torres co seu amigo o xenio do balancín nunha fotografía de 1966 en Montevideo]
Emma Couceiro, unha das poetas máis fascinantes da denominada Xeración dos 90, regresa cos seus poemas despois dun longo silencio para intervir na Horta das Chas. Será o día 25 de agosto, a partir das sete e media da tarde, no programa deste espazo alternativo creado por Chan da Pólvora Editora. O 26 de agosto será a quenda de Afonso Traficante cunha novidosa proposta que mestura a música electrónica e a poesía. Logo, xa en setembro, virán os recitais de Miro Villar, Rafa Lobelle, Ana Romaní+Chus Silva, Cesáreo Sánchez, Alicia Fernández+Eduard Velasco, Lorena Souto e o Grupo das Lupercais.
A Horta das Chas supuxo na súa inauguración a apertura dun ámbito privado de grande singularidade no centro de Compostela. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados [situado no soto do número 37 da Corredoira da Fraguas] que forma parte dunha área de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza.
Aínda que este espazo alternativo para a poesía se inaugurou en xuño do 2020, a pandemia obrigou a adiar a posta en marcha do seu programa e só este ano comezou a ser efectivo. Tras as celebracións, o pasado 28 de xuño, do sexto aniversario da editorial [coa presenza de Nuria Vil e Ana Romaní+Chus Silva] o programa estable botou a andar o 24 de xullo con Clo Plas, proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias e polo explorador de sons Berio Molina.
Emma Couceiro / Xoves 25 de agosto
O programa continúa este 25 de xuño con Emma Couceiro, que dará a coñecer algúns dos seus últimos poemas, pertencentes a un libro que aparecerá en Chan da Pólvora. Nacida en Cospeito (1977), Emma Couceiro é autora dalgúns dos poemarios referencias da denominada Xeración dos 90, como Humidosas e As estrañas horas. O seu último título, (Cito) apareceu hai case vinte anos e marcou o inicio dun silencio que só agora parece chegar ao seu fin. O seu recital na Horta das Chas terá lugar o día 25 de agosto a partir das 19,30.
Afonso Traficante / Venres 26 de agosto
Afonso Traficante naceu en Ferrol (1995) pero síntese de Ordes, a vila na que medrou e na que sentiu a chamada da música e da poesía, as dúas ecxpresións que dominan no seu marco creativo. Virtuoso do vibráfono, instrumento no que se perfeccionou en Portugal, Traficante é unha das voces da poesía recente galega que é capaz de crear atmosferas de cadencia enigmática. Para a Horta das Chas preparou un espectáculo no que recita ao vivo sobre unha música que compuxo previamente. Será, de feito, a súa primeira incursión na músivca electrónica. O recital terá lugar o 26 de agosto a partir das 19,30.
Miro Villar / Xoves 8 de setembro
Miro Villar (Cee, 1965) foi unha das figuras do Batallón Literario da Costa da Morte e tamén estivo no consello editorial da colección Ablativo Absoluto. Sobre todo é poeta, aínda que agora asegure que está retirado da poesía. Dentro da súa xa extensa traxectoria, destacou como investigador, crítico literario e tradutor. O seu último poemario é Breizth e apareceu en 2012. No recital da Horta das Chas (que terá lugar o 8 de setembro ás 19,30) teremos oportunidade de achegarnos á súa obra máis recente e coñecer os terreos que percorre actualmente a súa voz.
Cesáreo Sánchez / Mércores 21 de setembro
Cesáreo Sánchez (O Irixo, 1951) é arquitecto de profesión e esa formación –de dimensión espacial– tradúcese na súa obra cunha poesía mínima, reconcentrada, próxima ao haiku pero, sobre todo, anceiante de atopar a esencia do inefable. Para o recital na Horta das Chas (previsto no 21 de setembro ás 19,30), preparou unha serie de poemas sobre a expropiación da humanidade que se lle fai aos máis vulnearables. Desde o seu primeiro poemario, Silencios e conversas de inverno (1978), Cesáreo Sánchez é un dos nomes con maior presenza da denominada Xeración dos 80, non só por ser o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), senón pola personalidade da súa obra, que se extende ao longo de case corenta anos cunha vigorosa aposta pola inherencia lírica da palabra.
Rafa Lobelle / Xoves 22 de setembro
Rafa Lobelle (Viana, Chantada, 1988) publicou en 2019 Cotodamina, unha das plaquettes con maior repercusión das incluídas na colección Malaca de fóra de Chan da Pólvora. Previamente, apareceran Andar ás apóutegas e Física elemental, dous libros que serviron para que el se adentrase na busca dunha linguaxe propia, proxecto no que continúa demerxido. O recital das Chas (o xoves 22 de setembro a partir das 19,30) servirá precisamente paradescubrir as súas novas propostas.
Alicia Fernández+Eduard Velasco / Venres 23 de setembro
Alicia Fernández (Escairón, 1987) e Eduard Velasco (Barcelona, 1982) conforman desde hai anos unha das parellas máis activas do panorama literario galego, ao tempo que son a representación das pontes culturais que houbo sempre entre Galicia e Cataluña. Poetas amb*s –e el tamén narrador–, encargáronse de dirixir a Libraría Chan da Pólvora na súa primeira etapa, proxecto que naceu en paralelo á editorial. Agora, Fernández e Velasco realizan para a Horta das Chas un recital que ten moito de emocional pero que, sobre todo, permite escoitar conxuntamente as voces dunha poeta de singular capacidade para ironizar sobre os afectos e un poeta de humor enxeñoso e verbo desbordante. O seu recital será o venres 23 de setembro ás 19,30.
Ana Romaní+Chus Silva / Sábado 24 de setembro
Desde hai un tempo, Ana Romaní e Chus Silva veñen traballando xuntos nun proxecto que de maneira radical une a poesía coa misteriosa música da nosa contorna inmediata, sons improvisados que xurden de obxectos familiares e dos propios elementos da natureza. Esta alianza estreitouse de maneira significativa coa publciación en Chan da Pólvora de A desvértebra, libro de pegada imborrable que deu pé a unha serie de actuacións en directo pero tamén ás audiografías, formato ideado por eles que é posible escoitar na lapela de LIPo da web de Chan da Pólvora. Na Horta das Chas (onde actuarán o sábado 24 de setembro a partir das 19,30) tomarán tamén como punto de partida A desvértebra.
Lorena Souto / Xoves 29 de setembro
A publicación de Coleópteros en Chan da Pólvora converteuse nun acontecemento editorial que fixo de Lorena Souto (O Páramo, 1983) unha das poetas referencias da temporada. Non era para menos: a súa palabra e a súa voz son unha intensa mestura de emocións e de forza literaria. Desde Coleópteros non a volvimos escoitar recitar e a súa intervención na Horta das Chas o 29 de setembro (a partir das 19,30) parece unha oportunidade excelente para sorprendernos coas súas prospostas.
O grupo das Lupercais / Venres 30 de setembro
No mes de febreiro deste ano celebráronse en Lugo as Lupercais poéticas, un dos acontecementos culturais da cidade. Ademais dalgúns invitados chegados de fóra, o groso dos participantes estaba conformado por poetas vencellados a Lugo “unidos pola amizade e a admiración mutua”, conferaron eles mesmos. Así, o grupo das lupercais non atende a ningunha cuestión máis que “ao pracer que atopamos en xuntármonos para ir aos bares e aos cafés, falarmos de barcos, lermos mutuamente e compartir o tempo de vida”. Trátase dun grupo non pechado (medrou e conformouse pouco a pouco nos últimos anos) que sorprende pola diversidade de propostas poéticas e pola súa calidade. Entre os xa denominados lupercos cóntanse –segundo subliñan os membros do propio grupo– Miguel Ángel Curiel, Genaro da Silva, Nieves Neira, Luís López Alonso, Luís Valle, María Grandío, Antom Fortes, Abraham Pérez, Xerardo Quintiá, Sara Plaza, Lois Pérez e Mónica Caldeiro. Parte deles estarás en Compostela para ofrecernos os seus poemas na sesión que pecha o programa da Horta das Chas, previsto para o 30 de setembro a partir das 19,30.