Publicado o

‘nenas medrando’, o debut de Silvia García na poesía, preséntase este venres día 23 no CGAC

nenas medrando, o debut de Silvia García na poesía, preséntase este venres día 23, a partir das sete da tarde, no CGAC, en Compostela. O libro, que forma parte de Areal de Melide de Chan da Pólvora Editora, está recollendo o entusiasmo da crítica, que valora a ousadía deste traballo híbrido entre a escrita e a proposta plástica.

No ano 2009, Silvia García iniciou na Biblioteca do CGAC o proxecto Os silencios de Alicia. Unha década despois retoma algúns dos elementos deste proxecto e redimensiónaos cunha serie de poemas onde a súa voz se funde coa memoria allea para construír un libro arredor da conciencia do corpo, das sensacións, dos procesos de maduración e, mesmo, dos recordos que aparecen cando asistimos como nais ao crecemento dunha nena. Silvia García comezou a coleccionar fotografías anónimas adquiridas en mercadiños e a través de internet

Sobre esa base, intentou buscar un fío que lle permitise albiscar a pose e a maneira na que as mulleres e as nenas aparecen nas fotografías: como miraban a cámara e como traslucían se estaban cómodas ou non. Aí comezou a súa curiosidade polo silencio, polo que cada nena cala, a súa incomodidade pero tamén o seu acomodo a unha realidade que lle ven dada.

Publicado o

‘Dendrita’ de Paula Luís, un libro “excepcional” en palabras do crítico e poeta Román Raña

Dendrita, de Paula Luís, un dos últimos títulos publicados por Chan da Pólvora Editora, deslumbra a crítica e faino cuns textos que, sen dúbida, colocan á autora entre as poéticas máis audaces da poesía galega última. O crítico e poeta Román Raña foi un dos lectores que quedou impactado. E así o transmite nunha crítica publicada no suplemento Faro das Culturas de Faro de Vigo,

O seu texto é unha achega magnífica ao libro de Paula Luís, convertido xa desde a sua publicación nun auténtico título de culto:

Teño diante niña un libro excepcional e verde. Dendrita, de Paula Luís (Vigo, 1981). Lembremos que dendrita (do galego, déndron, “arbore”) son finas proxeccións ramificadas que saen das neuronas e actúan como condutoras dos impulsos electroquímicos. O título desvéndanos que a autora vai adentrarse e adentrarnos nos meandros, abismos, voltas e reviravoltas da mente humana, explorando o seu ser e o seu non-ser, desde o seu contradictorio albedrío, desde a confusa soberanía do pensar. Sempre, desde a conmovedora lucidez da súa franqueza: “O poema non será máis que un campo de centeo / a falarnos. A semente cae. Non pensa na caída”.

Todo o poemario está inzado destas fulguracións verbais que nos sobrecollen: “reconciliar a pel coa lama / no tránsito a un mesmo. / Compartir coas plantas e coa choiva. / Compartila coas bestas”. Especialmente clarividentes cando expresa o desdobramento do eu que se observa a si mesmo desde o lonxe, desde o o “outro”, como nestes versos: “A distancia que me separa do aire que desexo respirar, quen controla os meus soños?”. Que se acaba tornando máis explícito: “En que parte de min existo? / Na man no cranio no cóbado? / Na cólera?”.

Continúe lendo ‘Dendrita’ de Paula Luís, un libro “excepcional” en palabras do crítico e poeta Román Raña

Publicado o

O territorio recuperado de Silvia García no novo título da colección ‘Areal de Melide’

Chega ás librarías un novo título de Areal de Melide, a colección na que Chan da Pólvora Editora publica obras de raíces híbridas, intersección de linguaxes e propostas de fusión. Despois de títulos como Ultramarino de Jesús Castro, Sardiña de Miriam Reyes e Ad inferos de Mónica Sánchez, o catálogo amplíase con nenas medrando, onde conflúe o traballo expositivo e os poemas de Silvia García sobre unha colección de fotografías de nenas de distintas épocas. O resultado é un volume escintilante na súa sinxeleza e delicioso nas súas escollas.

O libro, que será o eixo este xoves día 15 de outubro da sesión da Selic de Compostela entre as 19 e as 20 horas, será presentado o día 23 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), lugar no que precisamente se puxo en marcha o motor de nenas medrando.

O crítico Armando Requeixo publicou o pasado domingo en Nordesía –o suplemento dos xornais do Grupo La Capital, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños– unha crítica na que salienta a “suxestiva proposta” de Silvia García, “extensión do valioso traballo que esta canguesa leva anos desenvolvendo no eido das artes plásticas, tanto no seu quefacer no CGAC como, actualmente, sendo docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, mais tamén nas landas da poesía, nas que se dera a coñecer hai tempo como autora distinguida nos certames literarios organizados pola Universidade de Vigo”. 

Neste sentido, Armando Requeixo caracteriza o volume pola presenza do corpo “como territorio radical, a complexidade dos procesos de maduración e as lembranzas das primeiras andainas vitais conforman os vértices nos que asenta a poética indagadora desta obra de Silvia García, que nos desafía a un outro ollar, a descubrir o envés da realidade nas epifanías fotográficas destas nenas medrando.”

Neste link podes descargar en pdf a crítica completa de Armando Requeixo a nenas medrando de Silvia García.

“Un outro ollar”, por Armando Requeixo

Publicado o

‘Álbum da cuarta dimensión’ de Carlos Lema encabeza a Tabela dos libros de Criticalia

O libro Álbum da cuarta dimensión de Carlos Lema, un dos títulos publicados por Chan da Pólvora Editora esta temporada, ocupa o primeiro posto entre as preferencias da crítica na Tabela dos Libros, apartado do blog Criticalia de Armando Requeixo no que participan Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero, Mario Regueira, Montse Penas e o propio Requeixo. Álbum da cuarta dimensión está a converterse nun dos grandes éxitos do ano 2020. En medio da desorientación creada pola pandemia, esta obra de máxima esixencia conceptual recibiu unha entusiasta acollida. A última recensión sobre a obra é de Xosé Manuel Eyré no seu Ferradura Blog. Eyré considera que estamos ante un “poemario actual a reflectir unha das problemáticas máis fondas, persistentes e decisivas da poesía, da filosofía e da vida de calquera: a maneira de coñecermos o mundo desde o que ficou del. Un poemario emotivo (non podemos nin debemos ficar “neutros” á vista do que o pasado nos deixou, nin tampouco deixarnos posuír polo espello deformante da melancolía extrema, que ben se nos advertiu) e reflexivo (desde o que nos deixa interpretar a inscrición na materia, nos restos da materia), audaz na forma de presentar esa aliaxe nada sinxela de transmitir aínda que pareza que sempre se fixo así, que esa é a materia da poesía.

Con anterioridade, Armando Requeixo, Ramón Rozas, Roman Raña, Inma Otero ou Mario Regueira publicaron as súas críticas, todas elas cunha valoración excepcional. Se Ramón Rozas subliña que “palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e explorar novas dimensións do que somos”, Inma Otero escribe: “Este Álbum da cuarta dimensión soa. Non só polo traballo artesanal cos fonemas e os ritmos en cada un dos textos. Toda a obra é unha composición musical en tres movementos, os tres apartados do libro”.

Publicado o

Dendrita, o primeiro libro de poemas de Paula Luís, preséntase este sábado 1 de agosto, as 20:00 horas, no bar Serán de Vigo


Dendrita, o primeiro libro de poemas de Paula Luís, preséntase este sábado un de agosto en Serán. Será a partir das oito da tarde no bar Serán, da rúa Manuel Núñez, moi perto do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. No acto, Paula Luís lerá algúns dos poemas de Dendrita, 

publicado por Chan da Pólvora Editora e aclamado pola crítica como un dos títulos revelación da temporada. Non é para menos, a voz da poeta viguesa arrabuña emoicións ata agora insólitas na poesía galega e redescubre latitudes novas sobre a identidade, o xénero e o desexo. Un librto inesquecible dunha poeta poderosa e arrebatadora.