Publicado o

Oriana Méndez e o fondo desexo da verdade no seu último libro, ‘chairas sucesións’

Oriana Méndez, unha das autoras xa clave na nova poesía galega, refunda a súa singular proposta de linguaxe e de forma con chairas sucesións, o libro que acaba de publicar Chan da Pólvora e que estes días chega ás librarías. En palabras de María do Cebreiro, autora do posfacio do volume, estamos ante “un libro sobre o amor e sobre as escuridades do amor, que son a condición de posibilidade dos seus propios recomezos”. 

chaira sucesión é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chaira sucesión, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia. A chaira, é dicir, o encontro, adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas.

Continúe lendo Oriana Méndez e o fondo desexo da verdade no seu último libro, ‘chairas sucesións’

Publicado o

O adeus a Louise Glück, a voz da muller que iluminou unha nova dimensión na poesía

Louise Glück, a poeta que se converteu, con tres títulos no catálogo de Chan da Pólvora, nuha das referencia da editorial, faleceu  o pasado venres día trece aos oitenta anos. Esta mesma semana, Chan da Pólvora comezou a distribución do terceiro título que publica da autora, titulado precisamente Averno, un intenso conxunto de poemas traducido por Samuel Solleiro que se adentra nas vertentes da alma e da morte. En Chan da Pólvora, sentimos de maneira especial a súa desaparición, non só polo compromiso que fixeramos coa súa obra senón tamén pola admiración que lle rendiamos a unha poesía que, dalgunha maneira, cambiou a nosa forma de entender a creación literaria nas últimas décadas. En Chan da Pólvora tamén se poden atopar os seus derradeiros poemarios, Noite fiel e virtuosa ou Receitas de inverno desde a comunidade.

A alma e o corpo son os dous elementos que transitan en unión e en diáspora por Averno, un dos libros máis aclamados de Louise Glück. Trátase do terceiro volume desta Premio Nobel de Literatura de 2020 que publica Chan da Pólvora, dentro dun proxecto para ofrecerlle aos afeccionados galegos unha panorámica da súa obra. Glück é unha poeta sempre inquietante e Averno define perfectamente o seu estilo, centrado sempre en responder as grandes cuestións da alma. A súa escrita reconfórtanos con poemas que botan man de revelacións planificadas para lembrarnos o que de verdade paga a pena en nós. Tamén o que nos permite, desde o seu punto de vista, entender os riscos humanos que nos habitan. A escritura convértese, así, no seu camiño e na súa busca. De aí ese equilibrio perfecto entre o lírico e o intelectual que podemos descubrir en Averno. Na poesía de Glück non serven as excusas, pero tampouco falta nunca a compaixón.

Continúe lendo O adeus a Louise Glück, a voz da muller que iluminou unha nova dimensión na poesía

Publicado o

Alexandre Nerium reúne nun libro os poemas de oitenta mulleres que cantaron o “finis terrae”

Aquén do mar, subtitulado Cantos de serea na luz da Fin da Terra, é o resultado de varios anos de traballos que Alexandre Nerium veu desenvolvendo para recoller e, nalgúns casos, verter ao galego a extensa produción de poemas que teñen Fisterra como motivo. O volume, que estes días chega ás librarías, aparece na colección Cova da lontra e reúne oitenta poemas de mulleres que escribieron sobre “a fin da terra”, ademais de varias ilustracións realizadas co mesmo tema por distintas artistas, entre elas Gosia Trebacz (na imaxe a súa obra). Co volume, Chan da Pólvora avanza un outono no que quere converter de novo a poesía no centro das canles literarias galegas.

Ademais de ser un punto estratéxico para a humanidade Fisterra é o son dun sentimento, o final do Camiño de Santiago, a cuncha de vieira; o orto e o solpor, naufraxio, precipicio, a Polar dun mar descoñecido, o rumbo verdadeiro, un símbolo de igualdade e de diversidade, a voz e o silencio, a mística sonoridade da buguina, da luz o escintileo. Aquén do mar é un percorrido polas voces que chegaron a ese límite e, ao tempo, unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a da muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo.

Os nomes de Fisterra, Finisterre, Finisterra, Land ́s End aparecen no imaxinario poético mundial en obras como The Canterbury Tales de Geoffrey Chaucer, Tales of a Wayside Inn de Henry W. Longfellow, The Colossus and Other Poems de Syvia Plath, La bufera e altro de Eugenio Montale ou Geografías de Mario Benedetti. Pero, sobre todo, aparece na obra de poetas como Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Ursula Heinze, Ferrín, Manuel María, Arcadio López Casanova, Valente, Torneiro, Marilar, e moitas das grandes voces que esculcaron na vangarda. Alexandre Nerium escolma esas voces desde o parámetro da escrita feminina para construír unha antoloxía única, homenaxe á muller pesca, aquela do traballo silenciado; e a da muller literatura; farol que dende sempre guía o mundo. “Eu”, asegura o antólogo e tamén poeta, “sentirme endebedado co útero celeste da utopía; co mar que me enxendrou no ventre das golfeiras; co ronsel que desangra a soidade. O tempo non existe neste ocaso. Abóndanos miralo”.

En palabras do coordinador do volume, que inclúe contornas de Eva Veiga e Rosalía Fernández Rial, a experiencia foi “única e enriquecedora”, sobre todo por “contar coa colaboración dun ronsel de voces femininas tan importantes e imprescindíbeis para a literatura como as que aparecen aquí. Tamén hai que salientar o traballo de poetas, prologuistas, colaboradoras e colaboradores, tradutoras e tradutores e mais oito ilustradoras que participaron desinteresadamente no proxecto”. O volume non só é un ambicioso traballo de recompilación senón unha oportunidade única  para coñecer as propostas de moitas autoras que aquí son, con frecuencia, pouco coñecidas e que por vez primeira se traducen ao galego.

Entre as poetas que toca a ampla selección de Nerium, figuran Xohana Torres, Sylvia Plath, Anne Carson, Mónica Góñez, Pilar Pallarés, Castillo Suárez, Lucí Echebarría, Luísa Villalba, Pilar Beiro, Chus Pato, Kathleen N. March, Marica Campo ou Margarita Ledo Andión.

 

Alexandre Nerium

Alexandre Nerium (Fisterra, 1960) é o pseudónimo literario de Francisco Manuel López Martínez, poeta e mariñeiro que na actualidade traballa como guía no Museo da pesca da súa localidade natal. Comezou a súa andaina poética no Batallón Literario da Costa da Morte, do que foi un dos seus máis activos mebros. É autor do poemarios Vogar de couse (Espiral Maior, 2003), Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco, 2008) ou Detrás da néboa o felo (Amastra-N-Gallar, 2014), ademais de coordinar a antoloxía poética Ara do Mar. Poesía a Fisterra (Eneida, 2021). Os seus textos foron incluúdos en diversas antoloxías.

 

Publicado o

Chan da Pólvora Editora renova este agosto o seu compromiso coa Feira do Libro de Monforte

Chan da Pólvora Editora renova o seu compromiso coa Feira do Libro de Monforte, última cita do calendario libreiro do verán, onde presentará entre o 23 e o 26 de agosto as súas máis recentes novidades: Libre de libro de O Leo, As cunchas baleiras de Branca Novoneyra, Seis poemas de inferno e adolescencia de Rimbaud e Lupercais, antoloxia que recolle os poemas do colectivo de poetas vinculados ao festival celebrado en Lugo.

Continúe lendo Chan da Pólvora Editora renova este agosto o seu compromiso coa Feira do Libro de Monforte

Publicado o

A colección Rabo de Egua achégase este sábado 19 de agosto aos Versos da Diversidade en Moaña

O 28 de xuño de 2016, nacía Chan Pólvora Editora e facíao precisamente con Rabo de Egua, a única colección do estado español especializada en poesía dos colectivcos LGTBI+.  Agora, despois de sete anos, a colección preséntase por vez primeira desde unha perspectiva de conxunto cun acto no que participan Antón Lopo e Luís López Alonso. Será o sábado 19 de agosto no Beque de Moaña, dentro do programa dos Versos para a diversidade, que organiza o Colectivo Diverso do Morrazo.

Continúe lendo A colección Rabo de Egua achégase este sábado 19 de agosto aos Versos da Diversidade en Moaña

Publicado o

O colectivo das Lupercais preséntase no Morrazo cun recital na libraría Wells de Cangas

Catro dos poetas lupercaisNieves Neira, Maria Grandío, Xerardo Quintiá e Luís López Alonso– presentan este mércores nove de agosto na libraría Wells de Cangas, a partir das nove do serán, a antoloxía de Chan da Pólvora sobre este colectivo, titulada precisamente Lupercais (Unha antoloxía posible). Aínda que engastado na súa xeografía a Lugo,  o grupo mantén relacións con distintas latitudes do país, incluído o Morrazo, onde reside López Alonso, autor dunha das xoias da poesía última galega, Salífero. O autor (Sarria, 1977) desenvolve unha proposta onde a dimensión do verso se mestura coa experimentación física e emocional, o cal o converte nun dos performers poéticos máis interesantes do momento actual en Galicia. Canda el estará unha poeta estreitamente ligada a Chan da Pólvora, Nieves Neira, autora dun dos títulos máis celebrados dos últimos anos, Neve de agosto, con tres edicións nas librarías e un feixe de críticas excepcionais. Neve de agosto aborda a cuestión de esperar o inesperado e non caer na negación do mundo, de asumir a desilusión do horizonte e non negar a emoción e o movemento.

O recital da libraría Wells de Cangas inclúe a poesía de María Grandío e Xerardo Quintiá. Ela é dona dunha presenza poderosa que atopa no verso estremecedor o impacto da poesía (case dramática por momentos) mentres Quintiá explora vieiros no que conflúen a poesía, a literatura dirixida ás crianzas ou a novela, como a súa extraordinaria achega á peripecia de Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle.

Ademais destes nomes, Lupercais (Unha antoloxía posible) inclúe a obra doutros membros do colectivo, como Genaro da Silva, Sara Plaza, Abrahán Pérez, Antóm Fortes, Mónica Caldeiro, Luís Valle, Lois Pérez e Miguel Ángel Curiel, que nesta antoloxía de Chan da Polvora publica os seus primeiros poemas en galego. Son doce poetas nunha relación profundamente literaria, case bohemia, e que consolidaron a súa amizade arredor das Lupercais, nome dun festival organizado polo colectivo que cada ano se celebra en Lugo.